INVOCACIÓN
Ven, Espírito Creador, e infunde en nós a forza e o alento de Xesús. Sen o teu impulso e a túa graza, non acertaremos a crer nel; non nos atreveremos a seguir os seus pasos; a Igrexa non se renovará; a nosa esperanza apagarase. ¡Ven e contáxianos o alento vital de Xesús!
Ven, Espírito Santo, e recórdanos as palabras boas que dicía Xesús. Sen a túa luz e o teu testemuño sobre el, iremos esquecendo o rostro bo de Deus; o Evanxeo converterase en letra morta; a Igrexa non poderá anunciar ningunha noticia boa. ¡Ven e ensínanos a escoitar só a Xesús!
Ven, Espírito da Verdade, e fainos camiñar na verdade de Xesús. Sen a túa luz e a túa guía, nunca nos liberaremos dos nosos erros e mentiras; nada novo e verdadeiro nacerá entre nós; seremos coma cegos que pretenden guiar a outros cegos. ¡Ven e convértenos en discípulos e testemuñas de Xesús!
Ven, Espírito do Pai, e ensínanos a gritar a Deus «Abba» como facía Xesús. Sen a túa calor e a túa alegría, viviremos como orfos que perderon ao seu Pai; invocaremos a Deus cos beizos, pero non co corazón; as nosas pregarias serán palabras baleiras. ¡Ven e ensínanos a orar coas palabras e o corazón de Xesús!
Ven, Espírito Bo, e convértenos ao proxecto do «reino de Deus» inaugurado por Xesús. Sen a túa forza renovadora, ninguén converterá o noso corazón canso; non teremos audacia para construír un mundo máis humano, segundo os desexos de Deus; na túa Igrexa os últimos nunca serán os primeiros; e nós seguiremos adormentados na nosa relixión burguesa. ¡Ven e fainos colaboradores do proxecto de Xesús!
Ven, Espírito de Amor, e ensínanos a amarnos uns a outros co amor con que Xesús amaba. Sen a túa presenza viva entre nós, a comuñón da Igrexa degrétase; a xerarquía e o pobo iranse distanciando sempre máis; crecerán as divisións, apagarase o diálogo e aumentará a intolerancia. ¡Ven e aviva no noso corazón e nas nosas mans o amor fraterno que nos fai parecérmonos a Xesús!
Ven, Espírito Liberador, e recórdanos que para ser libres liberounos Cristo e non para deixarnos oprimir de novo pola escravitude. Sen a túa forza e a túa verdade, o noso seguimento gozoso a Xesús converterase en moral de escravos; non coñeceremos o amor que dá vida, senón os nosos egoísmos que a matan; apagarase en nós a liberdade que fai crecer aos fillos e fillas de Deus e seremos, unha e outra vez, vítimas de medos, covardías e fanatismos. ¡Ven, Espírito Santo, e contáxianos a liberdade de Xesús!
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire