EXAME DIANTE DA TESTEMUÑA DA VERDADE
Dentro do proceso no que se vai decidir a execución de Xesús, o Evanxeo de Xoán ofrece un sorprendente diálogo privado entre Pilato, representante do imperio máis poderoso da Terra e Xesús, un reo maniatado que se presenta como testemuña da verdade.
Precisamente, Pilato quere, ao parecer, saber a verdade que se encerra naquela estraña personaxe que ten ante o seu trono: «Es ti o rei dos xudeus?». Xesús vai responder expondo a súa verdade en dúas afirmacións fundamentais, moi queridas para o evanxelista Xoán.
«O meu reino non é deste mundo». Xesús non é rei ao estilo que Pilato pode imaxinar. Non pretende ocupar o trono de Israel nin disputarlle a Tiberio o seu poder imperial. Xesús non pertence a ese sistema no que se move o prefecto de Roma, sostido pola inxustiza e a mentira. Non se apoia na forza das armas. Ten un fundamento completamente diferente. A súa realeza provén do amor de Deus ao mundo.
Pero engade a continuación algo moi importante: «Son rei…e vin ao mundo para ser testemuña da verdade». É neste mundo onde quere exercer a súa realeza, pero dunha forma sorprendente. Non vén gobernar como Tiberio senón para ser «testemuña da verdade» introducindo o amor e a xustiza de Deus na historia humana.
Esta verdade que Xesús trae consigo non é unha doutrina teórica. É unha chamada que pode transformar a vida das persoas. Xesús xaotiña dito: «Se vos mantedes fieis á miña Palabra… coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres». Ser fieis ao Evanxeo de Xesús é unha experiencia única pois leva a coñecer unha verdade liberadora, capaz de facer a nosa vida máis humana.
Xesús Cristo é a única verdade da que nos está permitido vivir aos cristiáns.
- Non necesitamos na Igrexa de Xesús facer un exame de conciencia colectivo diante da «Testemuña da Verdade»?
- Non temos de atrevernos a discernir con humildade que hai de verdade e que hai de mentira no noso seguimento a Xesús?
- Onde hai verdade liberadora e onde mentira que nos escraviza?
- Non necesitamos dar pasos cara a maiores niveis de verdade humana e evanxélica nas nosas vidas?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire