NADA HAI
MÁIS NECESARIO
O episodio é algo sorprendente. Os discípulos que acompañan a Xesús desapareceron da escena. Lázaro, o irmán de Marta e María, está ausente. Na casa da pequena aldea de Betania, Xesús reúnese a soas con dúas mulleres que adoptan ante a súa chegada dúas actitudes diferentes.
Marta que, sen dúbida é a irmá maior, acolle a Xesús como ama de casa, e ponse totalmente ao seu servizo. É natural. Segundo a mentalidade da época, a dedicación ás faenas do fogar era tarefa exclusiva da muller. María, pola contra, a irmá máis nova, senta aos pés de Xesús para escoitar a súa palabra. A súa actitude é sorprendente pois está ocupando o lugar propio dun «discípulo» que só lle corresponde aos varóns.
Nun momento determinado, Marta, absorbida polo traballo e desbordada polo cansazo, séntese abandonada pola súa irmá e incomprendida por Xesús: «Señor, non che importa que a miña irmá me teña deixada soa co servizo. Dille que me bote unha man».
Por que non manda á súa irmá que se dedique ás tarefas propias de toda muller e deixe de ocupar o lugar reservado aos discípulos varóns? A resposta de Xesús é de grande importancia. Lucas redáctaa pensando probabelmente nas desavinzas e pequenos conflitos que se producen nas primeiras comunidades á hora de fixar as diversas tarefas: «Marta, Marta, andas inqueda e nerviosa por moitas cousas cando en realidade só unha é necesaria. María escolleu a parte mellor, e ninguén lla ha quitar».
En ningún momento critica Xesús a Marta a súa actitude de servizo, tarefa fundamental en todo seguimento a Xesús, pero invítaa a non deixarse absorber tanto polo seu traballo ata o punto de perder a paz. E recorda que a escoita da súa Palabra ha ser prioritaria para todos, tamén para as mulleres, e non unha especie de privilexio dos varóns.
É urxente hoxe entender e organizarmos a comunidade cristiá como un lugar onde se coida, primeiro de nada, a acollida do Evanxeo no medio da sociedade secular e plural dos nosos días. Nada hai máis importante. Nada máis necesario. Temos de aprender a reunirnos mulleres e varóns, crentes e menos crentes, en pequenos grupos para escoitar e compartirmos xuntos as palabras de Xesús.
Esta escoita do Evanxeo en pequenos grupos pode ser hoxe a matriz desde a que se vaia rexenerando o tecido das nosas parroquias en crises. Se o pobo sinxelo coñece de primeira man o Evanxeo de Xesús, o goza e reclama á xerarquía, arrastraranos a todos cara a Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire