UNHA COUSA NECESARIA
Case sen dármonos conta, as actividades de cada día van modelando a nosa maneira de sermos. Se non somos capaces de vivirmos desde dentro, os acontecementos cotiáns tiran de nós, e lévannos dun lado para outro, sen outro horizonte do que a preocupación de cada día. Por iso é bo que escoitemos as palabras de Xesús á aquela muller tan activa e traballadora: «Marta, Marta: andas inqueda e nerviosa con tantas cousas. E só unha é necesaria».
Axitados por tantas ocupacións e preocupacións, necesitamos tomarnos de cando en vez un tempiño de descanso para sentírmonos de novo vivos. Pero necesitamos, ademais, pararnos e atopar o acougo necesario para lembrar de novo «o importante» da vida.
As vacacións terían para nós un contido novo e enriquecedor se fósemos capaces de responder a estas dúas sinxelas preguntas: cales son as pequenas cousas da vida que as faltas de acougo, de silencio e de oración agrandaron indebidamente ata chegar a matar en min o gozo de vivir? Cales son as cousas importantes ás que dediquei pouco tempo, empobrecendo así a miña vida diaria?
No silencio e a paz do descanso podemos atoparnos máis facilmente coa nosa propia verdade, e así volvemos ver as cousas tal como son. E tamén podemos atoparnos con Deus para descubrirmos nel non só a forza para seguirmos loitando, senón tamén a fonte última da paz.
Lembremos a experiencia de «abandono en Deus» predicada con tanta fondura polo Mestre Eckhart e tan belamente comentada por Dorothee Sölle: «Non necesito aferrarme a min, posto que son sostido. Non necesito cargar co peso, porque son soportado. Podo saír de min mesmo e entregarme».
Cando somos capaces de atoparmos en Deus o noso descanso e a nosa paz interior, a vacación convértese en graza. Talvez unha das maiores grazas que podemos recibir no medio da nosa vida tan axitada e nerviosa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



