ESCOITARMOS A VOZ DE DEUS NA CONCIENCIA
Xesús atópase discutindo cun grupo de xudeus. Nun determinado momento fai unha afirmación de gran importancia: «Ninguén pode vir a min se non o atrae o Pai». E máis adiante continúa: «Quen escoita o que di o Pai e o aprende, vén a min».
A incredulidade empeza a brotar en nós desde o mesmo momento en que empezamos a organizar a nosa vida de costas a Deus. Así de sinxelo. Deus vai quedando aí como algo pouco importante que se arríncoa nalgún lugar esquecido da nosa vida. É fácil entón vivir ignorando a Deus.
Incluso os que nos dicimos crentes estamos a perder capacidade para escoitarmos a Deus. Non é que Deus non fale no fondo das conciencias. É que, cheos de ruído e autosuficiencia, non sabemos xa percibir a súa presenza calada en nós.
Quizá sexa esta a nosa maior traxedia. Estamos a lanzar a Deus do noso corazón. Resistímonos a escoitarmos a súa chamada. Ocultamos á súa mirada amorosa. Preferimos «outros deuses» con quen vivirmos de maneira máis cómoda e menos responsábel.
Con todo, sen Deus no corazón ficamos coma que perdidos. Xa non sabemos de onde vimos nin cara a onde imos. Non recoñecemos que é o esencial e o que resulta ben pouco importante. Cansamos buscando seguridade e paz, pero o noso corazón segue inquieto e inseguro.
Esquecéusenos que a paz, a verdade e o amor espértanse en nós cando nos deixamos guiar por Deus. Todo cobra entón nova luz. Todo empeza a verse de maneira máis amábel e esperanzada.
O Concilio Vaticano II fala da «conciencia» como «o núcleo máis secreto» do ser humano, o «sagrario» no que a persoa «se sente a soas con Deus», un espazo interior onde «a voz de Deus ecoa no seu recinto máis íntimo». Baixar ata o fondo desta conciencia, para escoitarmos os anhelos máis nobres do corazón, é o camiño máis sinxelo para escoitarmos a Deus. Quen escoita esa voz interior hase sentir atraído cara a Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



