E VÓS,TAMÉN QUEREDES MARCHAR?
O mundo en que vivimos non pode ser xa considerado como cristián. As novas xeracións non aceptan facilmente a visión da vida que antes se transmitía de pais a fillos por vía de autoridade. As ideas e directrices que predominan na cultura moderna afástanse moito da inspiración cristiá. Vivimos nunha época «poscristiá».
Isto significa que a fe xa non é «algo evidente e natural». O cristián está sometido a un exame crítico cada vez máis implacábel. Son moitos os que neste contexto se senten sacudidos pola dúbida, e bastantes os que, deixándose levar polas correntes do momento, abandonan todo.
Unha fe combatida desde tantos frontes non pode ser vivida como hai uns anos. O crente non pode xa apoiarse na cultura ambiental nin nas institucións. A fe vai depender cada vez máis da decisión persoal de cada un. Será cristián quen tome a decisión consciente de aceptar a Xesús Cristo e seguilo. Este é o dato talvez máis decisivo no momento relixioso que vive hoxe Europa: estamos a pasar dun cristianismo por nacemento a un cristianismo por decisión.
Agora ben, a persoa necesita apoiarse nalgún tipo de experiencia positiva para tomar unha decisión tan importante. A experiencia está a converterse nunha especie de criterio de autenticidade e en factor fundamental para decidir a orientación da propia vida. Isto significa que, no futuro, a experiencia relixiosa será cada vez máis importante para fundamentar a fe. Será crente aquel que experimente que Deus lle fai ben e que Xesús Cristo lle axuda a vivir.
O relato evanxélico de Xoán resulta hoxe máis significativo do que nunca. Nun determinado momento, moitos discípulos de Xesús dubidan e bótanse atrás. Entón Xesús di aos Doce: «Tamén vós queredes marcharvos?». Simón Pedro contéstalle en nome de todos desde unha experiencia básica: «Señor, a quen imos acudir? Só ti tes palabras de vida eterna. Nós cremos». Moitos móvense hoxe nun estado intermedio entre un cristianismo tradicional e un proceso de descristianización. Non é bo viviros na ambigüidade. É necesario tomar unha decisión fundamentada na propia experiencia. E ti? Ti tamén te queres ir, marcharte?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




