MIRARMOS AO CRUCIFICADO
O evanxelista Xoán fálanos dun estraño encontro de Xesús cun importante fariseo, chamado Nicodemus. Segundo o relato, Nicodemus é quen toma a iniciativa e vai cabo de Xesús «de noite». Intúe que Xesús é «un home vindo de Deus», pero movese entre tebras. Xesús irá conducíndoo cara á luz.
Nicodemus representa no relato a todo aquel que busca sinceramente atoparse con Xesús. Por iso, en certo momento, Nicodemus desaparece de escena e Xesús prosegue o seu discurso para terminar cunha invitación xeral a non vivirmos en tebras, senón a buscarmos a luz.
Segundo Xesús, a luz que pode iluminar todo está no Crucificado. A afirmación é atrevida: «Tanto amou Deus ao mundo que entregou ao seu Fillo único para que non pereza ningún dos que creen nel, senón que teñan vida eterna». Podemos sermos quen de ver e sentir o amor de Deus nese home torturado na cruz?
Afeitos desde nenos a ver a cruz por todas partes, non aprendemos a mirar o rostro do Crucificado con fe e con amor. A nosa mirada distraída non é capaz de descubrir nese rostro a luz que podería iluminar a nosa vida nos momentos máis duros e difíciles. Con todo, Xesús está a mandarnos desde a cruz sinais de vida e de amor.
Neses brazos estendidos, que non poden xa abrazar aos nenos, e nesas mans cravadas, que non poden acariñar aos leprosos nin bendicir aos enfermos, está Deus cos seus brazos abertos para acoller, abrazar e soster as nosas pobres vidas, rotas por tantos sufrimentos.
Desde ese rostro apagado pola morte, desde eses ollos que xa non poden mirar con tenrura a pecadores e prostitutas, desde esa boca que non pode gritar a súa indignación polas vítimas de tantos abusos e inxustizas, desde aí, Deus está a revelarnos o seu «amor tolo» pola humanidade.
«Deus non mandou o seu Fillo ao mundo para xulgar ao mundo, senón para que o mundo se salve por el». Podemos acoller a ese Deus e podémolo rexeitar. Ninguén nos forza. Somos nós os que habemos decidir. Pero «a Luz xa veu ao mundo». Por que tantas veces rexeitamos a luz que nos vén do Crucificado?
El podería poñer luz na vida máis desgraciada e fracasada, pero «o que obra mal… non se achega á luz para non verse acusado polas súas obras». Cando vivimos de maneira pouco digna, evitamos a luz, porque sentimos mal ante Deus. Non queremos mirar ao Crucificado. Pola contra, «o que realiza a verdade achégase á luz». Non foxe para a escuridade. Non ten nada que ocultar. Busca coa súa mirada ao Crucificado. El faio vivir na luz.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



