UNHA MORAL SEN PECADO?
Dise a miúdo que desapareceu a conciencia de pecado. Non é certo de todo. O que sucede é que a crise de fe trouxo consigo un xeito diferente, non sempre máis sa, de enfrontarse á propia culpabilidade. De feito, ao prescindiren de Deus, non poucos viven a culpa de modo máis confuso e solitario.
Algúns quedaron estancados na forma máis primitiva e arcaica de vivirmos o pecado. Séntense «manchados» pola súa maldade. Indignos de conviviren xunto aos seus seres queridos. Non coñecen a experiencia dun Deus perdoador, pero tampouco atoparon outro camiño para liberarse do seu malestar interior.
Outros seguen vivindo o pecado como «transgresión». E o certo é que borraron da súa conciencia algúns «mandamentos», pero o que non desapareceu no seu interior é a imaxe dun Deus lexislador ante quen non saben como situárense. Senten a culpa como unha transgresión coa que non é fácil convivir.
Bastantes viven o pecado como «autoacusación». Ao diluírse a súa fe en Deus, a culpa vaise convertendo nunha «acusación sen acusador» (Paul Ricoeur). Non fai falta que ninguén os condene. Xa o fan eles mesmos. Pero como liberarse desta autocondena? Chega con esquecermos o pasado e tratar de eliminarmos a propia responsabilidade?
Intentouse tamén reducir o pecado a unha «vivencia psicolóxica» máis. Un bloqueo da persoa. O pecador sería unha especie de «enfermo», vítima da súa propia debilidade. Chegouse ata a falar dunha «moral sen pecado». Pero é posíbel vivirmos unha vida moral sen vivenciarmos a culpabilidade?
Para o crente, o pecado é unha realidade. Inútil encubrilo. Aínda que se sabe moi condicionado na súa liberdade, o cristián séntese responsábel da súa vida ante si mesmo e ante Deus. Por iso confesa o seu pecado e recoñéceo como unha «ofensa contra Deus». Pero contra un Deus que só busca a felicidade do ser humano. Nunca habemos esquecer que o pecado ofende a Deus despois de que nos dana a nós mesmos, seres infinitamente queridos por el.
Estremecido pola presenza de Xesús, Pedro reacciona recoñecendo o seu pecado: «Apártate de min, Señor, que eu son un pecador». Pero Xesús non se aparta del, senón que lle confía unha nova misión: «Non temas; desde agora serás mariñeiro de homes». Recoñecer o pecado e invocar o perdón é, para o crente, a forma sa de renovarse e crecer como persoa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



