APRENDERMOS DOS SINXELOS
Xesús non tivo problemas coas xentes sinxelas do pobo. Sabía que o entendían. O que lle preocupaba era se algún día chegarían a captaren a súa mensaxe os líderes relixiosos, os especialistas da lei, os grandes mestres de Israel. Cada día era máis evidente: o que ao pobo sinxelo o enchía de alegría, a eles deixábaos indiferentes.
Aqueles campesiños que vivían defendéndose da fame e dos grandes terratenentes entendíano moi ben: Deus queríaos ver felices, sen fame nin opresores. Os enfermos fiábanse del e, animados pola súa fe, volvían crer no Deus da vida. As mulleres, que se atrevían a saír da súa casa para escoitalo, intuían que Deus tiña que amar, como dicía Xesús, con entrañas de nai. A xente sinxela do pobo sintonizaba con el. O Deus que lles anunciaba era o que anhelaban e necesitaban.
A actitude dos «entendidos» era diferente. Caifás e os sacerdotes de Xerusalén víano como un perigo. Os mestres da lei non entendían que se preocupase tanto do sufrimento da xente e esquecese as esixencias da relixión. Por iso, entre os seguidores máis próximos de Xesús non houbo sacerdotes, escribas ou mestres da lei.
Un día, Xesús descubriu a todos o que sentía no seu corazón. Cheo de alegría rezoulle así a Deus: «Douche grazas, Pai, Señor do ceo e da terra, porque escondiches estas cousas a sabios e entendidos e reveláchesllas á xente sinxela».
Sempre é igual. A mirada da xente sinxela é, de ordinario, máis limpa. Non hai no seu corazón tantos intereses torcidos. Van ao esencial. Saben o que é sufrir, sentirse mal e viviren sen seguridade. Son os primeiros que entenden o evanxeo.
Esta xente sinxela é o mellor que temos na Igrexa. Deles temos que aprender bispos, teólogos, moralistas e entendidos en relixión. A eles descóbrelles Deus algo que a nós se nos escapa. Os eclesiásticos temos o risco de racionalizarmos, teorizar e «complicar» demasiado a fe. Só dúas preguntas: por que hai tanta distancia entre a nosa palabra e a vida da xente? Por que a nosa mensaxe resulta case sempre máis escura e complicada do que a de Xesús?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire






