DEUS É BO CON TODOS
Sen dúbida é unha das parábolas máis sorprendentes e provocativas de Xesús. Adoitábase chamar «parábola dos obreiros da viña». Con todo, o protagonista é o dono da viña. Algúns investigadores chámana hoxe «parábola do patrón que quería traballo e pan para todos».
Este home sae persoalmente á praza para contratar a diversos grupos de traballadores. Aos primeiros ás seis da mañá, a outros ás nove, máis tarde aos das doce do mediodía e aos das tres da tarde. Aos últimos contrátaos ás cinco, cando só falta unha hora para terminar a xornada.
A súa conduta é estraña. Non parece urxido pola vendima. O que quere é que aquela xente non quede sen traballo. Por iso sae mesmo a última hora para dar traballo aos que ninguén chamou. E por iso, ao final da xornada, dálles a todos o denario que necesitan para cear esa noite, mesmo aos que non o gañaron. Cando os primeiros protestan, esta é a súa resposta: «Ides ter envexa porque eu son bo?».
Que está a suxerir Xesús? É que Deus non actúa cos criterios de xustiza e igualdade que nós manexamos? Será verdade que, máis que estar a medir os méritos das persoas, Deus busca responder ás nosas necesidades?
Non é fácil crer nesa bondade insondábel de Deus da que fala Xesús. A máis dun pódelle escandalizar que Deus sexa bo con todos, merézano ou non, sexan crentes ou agnósticos, invoquen o seu nome ou vivan de costas a el. Pero Deus é así. E o mellor é deixarlle a Deus ser Deus, sen empequenecelo coas nosas ideas e esquemas.
A imaxe que non poucos cristiáns fan de Deus é un «conglomerado» de elementos heteroxéneos e até contraditorios. Algúns aspectos veñen de Xesús, outros do Deus xusticeiro do Antigo Testamento, outros dos seus propios medos e pantasmas. Entón, a bondade de Deus con todas as súas criaturas queda como perdida ou distorsionada.
Unha das tarefas máis importantes nunha comunidade cristiá será sempre profundar cada vez máis na experiencia de Deus vivida por Xesús. Só as testemuñas dese Deus porán unha esperanza diferente no mundo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



