NON ESQUECÉRMONOS DO ESENCIAL
Non era fácil para os contemporáneos de Xesús ter unha visión clara do que constituía o núcleo da súa relixión. A xente sinxela sentíase perdida. Os escribas falaban de seiscentos trece mandamentos contidos na lei. Como orientarse nunha rede tan complicada de preceptos e prohibicións? Nalgún momento a pregunta chegou até Xesús: que é o máis importante e decisivo? Cal é o mandamento principal, o que pode dar sentido aos demais?
Xesús non o pensou dúas veces e respondeu lembrando unhas palabras que todos os homes xudeus repetían diariamente ao comezo e ao final do día: «Escoita, Israel, o Señor, o noso Deus, é o único Señor. Amarás ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu ser». El mesmo pronunciara aquela mañá estas palabras que a el lle axudaban a vivir centrado en Deus. Isto era o primeiro para el.
Enseguida engadiu algo que ninguén lle preguntou: «O segundo mandato é: amarás ao teu próximo como a ti mesmo». Nada hai máis importante do que estes dous mandamentos. Para Xesús son inseparábeis. Non se pode amar a Deus e desentenderse do veciño.
A nós ocórrensenos moitas preguntas. Que é amar a Deus? Como se pode amar a alguén a quen non é posíbel nin sequera ver? Ao falar do amor a Deus, os hebreos non pensaban nos sentimentos que poden nacer no noso corazón. A fe en Deus non consiste nun «estado de ánimo». Amar a Deus é sinxelamente centrar a vida nel para vivilo todo desde a súa vontade.
Por iso engade Xesús o segundo mandamento. Non é posíbel amar a Deus e vivir esquecido da xente que sofre e a quen Deus ama tanto. Non hai un «espazo sagrado» no que poidamos «entendérmonos» a soas con Deus e de costas aos demais. Un amor a Deus que esquece aos seus fillos e fillas é unha grande mentira.
A relixión cristiá resúltalles hoxe a non poucos complicada e difícil de entender. Probabelmente necesitamos na Igrexa un proceso de concentración no esencial para desprendérmonos de engadidos secundarios e ficarmos só co importante: amar a Deus con todas as miñas forzas e querer aos demais como me quero a min mesmo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



