SEMPRE É POSÍBEL REACCIONAR
Non sempre a desesperación é quen destrúe en nós a esperanza e o desexo de seguir camiñando día tras día cheos de vida. Máis ben, pola contra, poderíase dicir que é a esperanza quen se vai diluíndo en nós case sempre de xeito silencioso e mesmo case imperceptíbel.
Talvez, sen repararmos, a nosa vida vai perdendo cor e intensidade. Aos poucos parece como que todo empeza a ser pesado e aburrido. Imos facendo máis ou menos o que temos que facer, pero a vida non nos «enche».
Un día comprobamos que a verdadeira alegría vai desaparecendo do noso corazón. Xa non somos capaces de saborear o bo, o belo e o grande que hai na existencia.
Aos poucos, coma que todo se nos vai complicando. Quizá xa non esperamos gran cousa da vida nin de ninguén. Xa non cremos nin sequera en nós mesmos. Todo nos parece inútil e case sen sentido.
A amargura e o mal humor vanse apoderando de nós cada vez con máis facilidade. Xa non cantamos. Dos nosos beizos non saen senón sorrisos forzados. Hai tempo que non acertamos a rezar.
Quizá comprobamos con tristura que o noso corazón se vai ir endurecendo e hoxe case que xa non queremos de verdade a ninguén. Incapaces de acollermos e escoitar a quen atopamos día a día no noso camiño, só sabemos queixarnos, condenar e descualificar.
Vagarosamente imos ir caendo paseniño no escepticismo, na indiferenza ou «na preguiza total». Cada vez con menos forzas para todo o que esixa verdadeiro esforzo e superación, xa non queremos correr novos riscos. Non merece a pena. Preocupados por moitas cousas que nos parecían importantes a vida vai escoándose. Avelloamos interiormente e algo está a piques de morrer aló moi dentro de nós. Que podemos facer?
O primeiro é espertar e abrir os ollos. Todos eses síntomas son indicio claro de que temos a vida mal orientada. Ese malestar que sentimos é a grande chamada de alarma que comezou a soar dentro de nós.
Nada está perdido. Non podemos de súpeto sentírmonos ben con nós mesmos, pero podemos reaccionar. Temos de preguntarnos que é o que fomos descoidando ata agora, que é o que temos de cambiar, a que temos que dedicar máis atención e máis tempo. As palabras de Xesús están dirixidas a todos: «Vixiade». Talvez, hoxe mesmo temos de tomar algunha decisión.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




