NO NOME DO PAI E DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
Como se comunicaba Xesús con Deus? Que sentimentos espertaban no seu corazón? Como o experimentaba día a día? Os relatos evanxélicos lévannos a unha dupla conclusión: Xesús sentía a Deus como Pai, e vivía todo impulsado polo seu Espírito.
Xesús sentíase «fillo querido» de Deus. Sempre que se comunica con el chámao «Pai». Non lle sae outra palabra. Para el, Deus non é só o «Santo» do que falan todos, senón o «Compasivo». Non habita no templo, acollendo só aos de corazón limpo e mans inocentes. Xesús cáptao como Pai que non exclúe a ninguén do seu amor compasivo. Cada mañá goza porque Deus fai saír o seu sol sobre bos e malos.
Ese Pai ten un gran proxecto no seu corazón: facer da terra unha casa habitábel. Xesús non dúbida: Deus non descansará ata ver aos seus fillos e fillas gozando xuntos dunha festa final. Ninguén o poderá impedir, nin a crueldade da morte nin a inxustiza dos homes. Como ninguén pode impedir que chegue a primavera e encha todo de vida.
Fiel a este Pai e movido polo seu Espírito, Xesús só se dedica a unha cousa: facer un mundo máis humano. Todos han coñeceren a Boa Noticia, sobre todo os que menos o esperan: os pecadores e os desprezados. Deus non dá a ninguén por perdido. A todos busca, a todos chama. Non vive controlando aos seus fillos e fillas, senón abrindo a cada un camiños cara a unha vida máis humana. Quen escoita ata o fondo o seu propio corazón estao escoitando a el.
Ese Espírito empuxa a Xesús cara aos que máis sofren. É normal, pois ve gravados no corazón de Deus os nomes dos máis sos e desgraciados. Os que para nós non son ninguén, eses son precisamente os predilectos de Deus. Xesús sabe que a ese Deus non o entenden os grandes, senón os pequenos. O seu amor descóbreno aqueles que o buscan porque non teñen a ninguén que enxugue as súas bágoas.
O mellor xeito de crer no Deus trinitario non é tratar de entender as explicacións dos teólogos senón seguirmos os pasos de Xesús que viviu como Fillo querido dun Deus Pai e que, movido polo seu Espírito, dedicouse a facer un mundo máis amábel para todos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



