CON POUCAS COUSAS
Que puido pasar para distanciármonos tanto daquel proxecto inicial de Xesús? Onde ficou o encargo do Mestre? Quen segue a escoitar hoxe as súas recomendacións?
Poucos relatos evanxélicos nos descobren mellor a intención orixinal de Xesús do que este que nos presenta a Xesús enviando aos seus discípulos de dous en dous, sen alforxas, diñeiro nin túnica de reposto.
Abondan un amigo, un bastón e unhas sandalias para botarnos polos camiños da vida, anunciando a todos ese cambio que necesitamos para descubrirmos o segredo último da vida e o camiño cara á verdadeira liberación.
Non desvirtuemos á lixeira o encargo de Xesús. Non pensemos que se trata dunha utopía inxenua, propia quizá dunha sociedade seminómada xa superada, pero imposíbel nun mundo coma o noso.
Aquí hai algo que non podemos eludir. O evanxeo é anunciado por aqueles que saben viviren con sinxeleza. Homes e mulleres libres que coñecen o gozo de camiñar pola vida sen sentírense escravos das cousas. Non son os poderosos, os financeiros, os tecnócratas, os grandes estrategas da política os que van construír un mundo máis humano.
Esta sociedade necesita descubrir que hai que volver a unha vida sinxela e sobria. Non basta con aumentarmos a produción e alcanzar un maior nivel de vida. Non é suficiente gañar sempre máis, comprar máis e máis cousas, gozar de maior benestar.
Esta sociedade necesita coma nunca o impacto de homes e mulleres que saiban vivir con poucas cousas. Crentes capaces de mostrar que a felicidade non está en acumular bens. Seguidores de Xesús que nos recorden que non somos ricos cando posuímos moitas cousas, senón cando sabemos gozar delas con sinxeleza e compartilas con xenerosidade. Quen vive unha vida sinxela e unha solidariedade xenerosa, eses son os que mellor predican hoxe a conversión que máis necesita a nosa sociedade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire