O AMOR APRÉNDESE
Case ninguén pensa que o amor é algo que temos de ir aprendendo aos poucos ao longo da vida. A maioría dá por suposto que o ser humano sabe amar espontaneamente. Por iso podemos detectar tantos erros e tanta ambigüidade nese mundo misterioso e atractivo do amor.
Hai quen pensa que o amor consiste fundamentalmente en ser amado e non en amar. Por iso pasamos a vida esforzándonos por lograrmos que alguén nos ame. Para estas persoas, o importante é ser atractivo, resultar agradábel, ter unha conversación interesante, facerse querer. En xeral terminan, terminamos, sendo bastante infelices.
Outros están convencidos de que amar é algo sinxelo, e que o difícil é atopar persoas agradábeis ás que se lles poida querer. Estes só se achegan a quen lles cae simpático. En canto non atopan a resposta apetecida, o seu «amor» esvaécese.
Hai quen confunde o amor co desexo. Todo o reducen a atoparen a alguén que satisfaga o seu desexo de compañía, afecto ou pracer. Cando din «quérote», en realidade están dicindo «deséxote», «apetécesme».
Cando Xesús fala do amor a Deus e ao próximo como o máis importante e decisivo da vida, está pensando noutra cousa. Para Xesús, o amor é a forza que move e fai crecer a vida, pois nos pode liberar da soidade e a separación para facernos entrar na comuñón con Deus e cos outros.
Pero, concretamente, ese «amar ao próximo como a un mesmo» require unha verdadeira aprendizaxe, sempre posíbel para quen ten a Xesús como Mestre.
A primeira tarefa é aprendermos a escoitar ao outro. Tratar de comprendermos o que está a vivir. Sen esa escoita sincera dos seus sufrimentos, necesidades e aspiracións non é posíbel o verdadeiro amor.
Segundo é aprender a darnos. Non hai amor onde non hai entrega xenerosa, doazón desinteresada, agasallo. O amor é todo o contrario a acaparar, apropiarse do outro, utilizalo, aproveitarse del.
Para rematar, amar esixe aprendermos a perdoar. Aceptar ao outro coas súas debilidades e a súa mediocridade. Non retirar rapidamente a amizade ou o amor. Ofrecer unha e outra vez a posibilidade do reencontro. Devolver ben por mal.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



