DEUS ENTRE NÓS
O evanxelista Xoán, ao falarnos da encarnación do Fillo de Deus, non nos di nada de todo ese mundo tan familiar dos pastores, o presebe, os anxos e o Neno Deus con María e Xosé. Xoán invítanos a penetrarmos nese misterio desde outra fondura.
En Deus estaba a Palabra, a Forza de comunicarse que ten Deus. Nesa Palabra había vida e había luz. Esa Palabra puxo en marcha a creación enteira. Nós mesmos somos froito desa Palabra misteriosa. Esa Palabra agora fíxose carne e habitou entre nós.
A nós séguenos parecendo todo isto demasiado fermoso para ser certo: un Deus feito carne, identificado coa nosa debilidade, respirando o noso alento e sufrindo os nosos problemas. Por iso seguimos buscando a Deus arriba, nos ceos, cando está abaixo, na terra.
Unha das grandes contradicións dos cristiáns é confesarmos con entusiasmo a encarnación de Deus e esquecermos logo que Cristo está no medio de nós. Deus baixou ao profundo da nosa existencia, e a vida séguenos parecendo baleira. Deus veu habitar no corazón humano, e sentimos un baleiro interior insoportábel. Deus veu reinar entre nós, e parece estar totalmente ausente nas nosas relacións. Deus asumiu a nosa carne, e seguimos sen sabermos vivir dignamente o carnal.
Tamén entre nós se cumpren as palabras de Xoán: «Veu aos seus e os seus non o recibiron». Deus busca acollida en nós, e a nosa cegueira péchalle as portas a Deus. E, con todo, é posíbel abrir os ollos e contemplarmos ao Fillo de Deus «cheo de graza e de verdade». Quen cre sempre ve algo. Ve a vida envolta en graza e en verdade. Ten nos seus ollos unha luz para descubrir, no fondo da existencia, a verdade e a graza dese Deus que o enche todo.
Estamos aínda cegos? Vémonos soamente a nós? Reflíctenos a vida só as pequenas preocupacións que levamos no noso corazón? Deixemos que o noso corazón se sinta penetrado por esa vida de Deus que tamén hoxe quere habitar en nós.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



