DÚAS CONSIGNAS DE XESÚS
Logo de vinte séculos de cristianismo é difícil escoitar as instrucións de Xesús aos seus sen sentirmos vergoña e roibén. Non se trata de vivilas ao pé da letra. Non. Simplemente non actuarmos contra do espírito que encerran. Só recordarei dúas consignas.
Xesús envía aos seus discípulos polas aldeas de Galilea como «cordeiros no medio de lobos». Quen cre hoxe que esta ha de ser a nosa identidade nunha sociedade atravesada por toda clase de conflitos e enfrontamentos? E, con todo, non necesitamos entre nós máis lobos, senón máis cordeiros. Cada vez que desde a Igrexa ou a súa contorna se está a alimentar a agresividade e o resentimento, ou se profiren insultos e ataques que fan máis difícil o mutuo entendemento, estamos actuando contra o espírito de Xesús.
O «primeiro» que han comunicar os seus discípulos ao entrar nunha casa é: «Paz a esta casa». A paz é o primeiro sinal do reino de Deus. Se a Igrexa non introduce paz na convivencia, os cristiáns estamos anulando de raíz a nosa primeira tarefa.
A outra consigna é máis desconcertante: «Non levedes fardel, nin alforxa, nin sandalias». Os seguidores de Xesús vivirán como os vagabundos que atopan no seu camiño. Non levarán diñeiro nin provisións. Camiñarán descalzos, coma tantos pobres que non teñen un par de sandalias de coiro. Non levarán sequera unha alforxa, como facían certos filósofos itinerantes.
Todos poderán ver no seu xeito de vestiren e de equipárense a súa paixón polos últimos. O sorprendente é que Xesús non está pensando no que han levar consigo, senón precisamente no contrario: no que non deben levaren; non sexa que se distancien demasiado dos máis pobres.
Como se pode traducir hoxe este espírito de Xesús na sociedade do benestar? Non simplemente recorrendo a un atavío que nos identifique como membros dunha institución relixiosa ou responsábeis dun cargo na Igrexa. Cada quen temos de revisarmos con humildade que nivel de vida, que comportamentos, que palabra, que actitudes nos identifican mellor cos últimos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



