NON Á GUERRA ENTRE NÓS
Os xudeus falaban con orgullo da Lei de Moisés. Segundo a tradición, Deus mesmo lla regalou ao seu pobo. Era o mellor que recibiran del. Nesa Lei acubíllase a vontade do único Deus verdadeiro. Aí poden atopar todo o que necesitan para ser fieis a Deus.
Tamén para Xesús a Lei é importante, pero xa non ocupa o lugar central. El vive e comunica outra experiencia: está chegando o reino de Deus; o Pai está buscando abrirse camiño entre nós para facer un mundo máis humano. Non abonda quedármonos no cumprirmos a Lei de Moisés. É necesario abrirnos ao Pai e colaborar con el para facer a vida máis xusta e fraterna.
Por iso, segundo Xesús, non chega con cumprirmos a Lei, que ordena «non matarás». É necesario, ademais, arrincar da nosa vida a agresividade, o desprezo ao outro, os insultos ou as vinganzas ou desavinzas. Aquel que non mata cumpre a Lei, pero, se non se libera da violencia, no seu corazón non reina aínda ese Deus que busca construír connosco unha vida máis humana.
Segundo algúns observadores, estase estendendo na sociedade actual unha linguaxe que reflicte o crecemento da agresividade. Cada vez son máis frecuentes os insultos ofensivos, proferidos só para humillar, desprezar e ferir. Palabras xurdidas do rexeitamento, o resentimento, o odio ou a vinganza.
Por outra banda, as conversacións están a miúdo tecidas de palabras inxustas que reparten condenas e sementan sospeitas. Palabras ditas sen amor e sen respecto que envelenan a convivencia e fan dano. Palabras nacidas case sempre da irritación, a mesquindade ou a baixeza.
Non é este un feito que se dea só na convivencia social. É tamén un grave problema no interior da Igrexa. O papa Francisco sofre ao ver divisións, conflitos e enfrontamentos de «cristiáns en guerra contra outros cristiáns». É un estado de cousas tan contrario ao Evanxeo que sentiu a necesidade de dirixirnos unha chamada urxente: «Non á guerra entre nós».
Así fala o Papa: «Dóeme comprobar como nalgunhas comunidades cristiás, e aínda entre persoas consagradas, consentimos diversas formas de odios, calumnias, difamacións, vinganzas, celos, desexos de impoñer as propias ideas á costa de calquera cousa, e ata persecucións que parecen unha implacábel caza de bruxas. A quen imos evanxelizar con eses comportamentos?». O Papa quere traballar por unha Igrexa na que «todos poidan admirar como nos coidamos uns a outros, como nos damos alento mutuamente e como nos acompañamos».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



