COMPARTIRMOS O PAN
Ningún evanxelista subliñou tanto como Xoán o carácter eucarístico da «multiplicación dos pans». O seu relato evoca claramente a celebración eucarística das primeiras comunidades. Para os primeiros crentes, a eucaristía non era só o recordo da morte e resurrección do Señor. Era, ao mesmo tempo, unha «vivencia anticipada da fraternidade do reino».
Durante moitos anos insistimos tanto na dimensión sacrificial da eucaristía que podemos esquecer os outros aspectos da cea do Señor. Quizá hoxe teñamos que lembrar con máis forza que esta cea é signo da comuñón e fraternidade que temos de coidar moito entre nós e que alcanzará a súa verdadeira plenitude na consumación do reino. A eucaristía tería que ser para os crentes unha invitación constante a vivirmos compartindo o noso cos necesitados, aínda que sexa pouco, aínda que só sexan «cinco pans e dous peixes».
A eucaristía obríganos a preguntármonos que relacións existen e hai entre aqueles que a celebramos, pois, sendo «signo de comuñón fraterna», convértese en burla cando nela participamos todos, os que viven e vivimos satisfeitos no noso benestar e quen pasa necesidade, os que se aproveitan o nos aproveitamos dos demais e os marxinados, sen que a celebración pareza cuestionar seriamente a ninguén.
Ás veces preocúpanos se o celebrante pronunciou ben as palabras prescritas no ritual. Facemos problema de se hai que comulgar na boca ou na man. E, mentres, non parece ter de preocuparnos tanto unha celebración da eucaristía que non é signo de verdadeira fraternidade nin impulso para buscala.
E, con todo, hai algo que aparece claro na tradición da Igrexa: «Cando falta a fraternidade, sobra a eucaristía» (Luís González-Carvajal). Cando non hai xustiza, cando non se vive de maneira solidaria, cando non se traballa por cambiarmos as cousas, cando non se ve esforzo por compartirmos os problemas dos que sofren, daquela, a celebración eucarística queda baleira de sentido.
E con isto non se quere dicir que só cando se viva entre nós unha fraternidade verdadeira poderemos celebrar a eucaristía. Non. Non temos que esperar a que desapareza a última inxustiza para poder celebrala. Pero tampouco podemos seguir celebrándoa sen que nos impulse a comprometernos por un mundo máis xusto.
O pan da eucaristía aliméntanos para o amor e non para o egoísmo. Impúlsanos a irmos creando unha meirande comunicación e solidariedade, e non un mundo no que nos desentendamos uns dos outros.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



