EXPORNOS ÁS GRANDES CUESTIÓNS
Ao home e muller contemporáneos xa non os atemorizan os discursos apocalípticos sobre «a fin do mundo». E tampouco xa nin se deteñen en escoitaren esa mesma linguaxe da mensaxe esperanzadora de Xesús que anuncia todo iso da chegada dun mundo novo. O que lle preocupa é a «crise ecolóxica». E non se trata só dunha crise das contornas naturais do home e da muller. É unha crise do home mesmo, en si, e da muiller. É unha crise global da vida neste planeta. Crise mortal, non só para o ser humano, senón para os demais seres animados que a veñen padecendo desde hai tempo.
Aos poucos comezamos a darnos conta de que nos metemos nunha rúa sen saída, poñendo en crise todo o sistema da vida no mundo. Hoxe, «progreso» xa non é unha palabra de esperanza como o foi no século pasado. Pois agora estase a temer cada vez máis que o progreso termine servindo non xa á vida, senón á morte. A humanidade comeza a ter o presentimento de que non pode ser acertado un camiño que conduce a unha crise global, desde a extinción dos bosques ata a propagación das neuroses, desde a polución das augas ata o «baleiro existencial» de tantos habitantes das cidades masificadas.
Para deter o «desastre» é urxente cambiar de rumbo. Non basta substituír as tecnoloxías «sucias» por outras máis «limpas» ou a industrialización «salvaxe» por outra máis «civilizada». Son necesarios cambios profundos nos intereses que hoxe dirixen o desenvolvemento e o progreso das tecnoloxías. Aquí comeza o drama do home moderno. As sociedades xa non se mostran capaces de introduciren cambios decisivos no seu sistema de valores e de sentido. Os intereses económicos inmediatos son máis fortes do que calquera outra formulación. É mellor desdramatizar a crise, descualificar a «os catro ecoloxistas exaltados» e favorecer a indiferenza.
Non chegou xa o momento de expornos as grandes cuestións que nos permitan recuperarmos o «sentido global» da existencia humana sobre a Terra, e de aprendermos a vivir unha relación máis pacífica entre os homes e coa creación enteira?
Que é o mundo? Un «ben sen dono» que os homes podemos explotar de maneira desapiadada e sen miramento algún ou a casa que o Creador nos regala para facela cada día máis habitábel? O que é o cosmos? Un material bruto que podemos manipular ao noso antollo ou a creación dun Deus que mediante o seu Espírito o vivifica todo e conduce «os ceos e a terra» cara á súa consumación definitiva?
Que é o home? Un ser perdido no cosmos, loitando desesperadamente contra a natureza, pero destinado a extinguirse sen remedio, ou un ser chamado por Deus a vivir en paz coa creación, colaborando na orientación intelixente da vida cara á súa plenitude no Creador?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





