LUCIDEZ E FIDELIDADE
Non lle resultou fácil a Xesús manterse fiel á misión recibida do seu Pai sen desviarse da súa vontade. Os evanxeos lembran a súa loita interior e as probas que tivo de superar, onda os seus discípulos, ao longo da súa vida.
Os mestres da lei acusábano con preguntas capciosas para sometelo á orde establecida, esquecendo ao Espírito, que o impulsaba a curar mesmo en sábado. Os fariseos pedíanlle que deixase de aliviar o sufrimento da xente e realizase algo máis espectacular, «un signo do ceo», de proporcións cósmicas, co que Deus o confirmase diante de todos.
As tentacións víñanlle mesmo dos seus discípulos máis queridos. Santiago e Xoán pedíanlle que se esquecese dos últimos e pensase máis en reservarlles a eles os postos de máis honra e poder. Pedro repréndeo porque pon en risco a súa vida e pode terminar executado.
Sufría Xesús e sufrían tamén os seus discípulos. Nada era fácil nin claro. Todos tiñan que buscar a vontade do Pai superando probas e tentacións de diverso xénero. Poucas horas antes de ser detido polas forzas de seguridade do templo, Xesús dilles así: «Vós sodes os que perseverastes comigo nas miñas probas» (Lucas 22,28).
O episodio coñecido como as «tentacións de Xesús» é un relato no que se reagrupan e resumen as tentacións que tivo de superar Xesús ao longo da súa vida. Aínda que vive movido polo Espírito recibido no Xordán, nada o libra de sentirse atraído cara a formas falsas de mesianismo.
Ha de pensar no seu propio interese ou escoitar a vontade do Pai? Ha de impor o seu poder de Mesías ou pórse ao servizo de quen o necesita? Ha buscar a súa propia gloria ou manifestar a compaixón de Dios cara aos que sofren? Ha evitar riscos e eludir a crucifixión ou entregarse á súa misión confiando no Pai?
O relato das tentacións de Xesús foi recollido nos evanxeos para alertar aos seus seguidores. Temos de ser lúcidos. O Espírito de Xesús está vivo na súa Igrexa, pero os cristiáns non estamos libres de falsear unha e outra vez a nosa identidade caendo en múltiples tentacións.
Para seguirmos a Xesús con fidelidade temos de identificar as tentacións dos cristiáns de hoxe: a xerarquía e o pobo; os dirixentes relixiosos e os fieis. Unha Igrexa que non é consciente das súas tentacións axiña falseará a súa identidade e a súa misión. Non nos está s suceder algo disto? Non necesitamos máis lucidez e vixilancia para non caer na infidelidade?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



