VIVIRMOS ANTE O MISTERIO
O home moderno comeza a experimentar a insatisfacción que produce no seu corazón o baleiro interior, a trivialidade do cotián, a superficialidade da nosa sociedade, a incomunicación co Misterio.
Son bastantes os que, ás veces de maneira vaga e confusa, outras de maneira clara e palpábel, senten unha decepción e un desencanto inconfesábel fronte a unha sociedade que despersonaliza ás persoas, que as baleira interiormente e as incapacita para abrírense ao Transcendente.
A traxectoria seguida pola humanidade é fácil de describir: ela foi aprendendo a utilizar cunha eficacia cada vez maior o instrumento da súa razón; foi acumulando un número cada vez maior de datos; sistematizou os seus coñecementos en ciencias cada vez máis complexas; transformou as ciencias en técnicas cada vez máis poderosas para dominar o mundo e a vida.
Este camiñar apaixonante ao longo dos séculos ten un risco. Inconscientemente acabamos por crer que a razón nos levará á liberación total. Non aceptamos o Misterio. E, con todo, o Misterio está presente no máis profundo da nosa existencia.
O ser humano quere coñecer e dominar todo. Pero non pode coñecer e dominar nin a súa orixe nin o seu destino último. E o máis racional sería recoñecer que estamos envolvidos en algo que nos transcende: temos de movernos humildemente nun horizonte de Misterio.
Na mensaxe de Xesús hai unha invitación escandalosa para os oídos modernos: non todo se reduce á razón. O ser humano ten de aprender a vivir ante o Misterio. E o Misterio ten un nome: Deus, o noso «Pai», que nos acolle e nos chama a vivirmos como irmáns.
Quizá o noso maior problema sexa incapacitarnos para orar e dialogar cun Pai. Estamos orfos e non acertamos a entendernos como irmáns. Tamén hoxe, no medio de nubes e escuridade, pódese oír unha voz que nos segue a chamar: «Este é o meu fillo… Escoitádeo».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





