COMUNIDADE DE AMIZADE
Xesús comparte cos seus discípulos os últimos momentos antes de volver ao misterio do Pai. O relato de Xoán recolle coidadosamente o seu testamento: o que Xesús quere deixar gravado para sempre nos seus corazóns: «Douvos un mandamento novo: que vos amedes uns a outros como eu ameivos».
O evanxelista Xoán ten a súa atención posta na comunidade cristiá. Non está a pensar nos de fóra. Cando falte Xesús, na súa comunidade teranse de querer como «amigos», porque así os quixo Xesús: «Vós sodes os meus amigos»; «xa non vos chamo servos. A vós chameivos amigos». A comunidade de Xesús será unha comunidade de amizade, «de amigos».
Esta imaxe da comunidade cristiá como «comunidade de amigos» quedou pronto esquecida. Durante moitos séculos, os cristiáns víronse a si mesmos como unha «familia» onde algúns son «pais» (o papa, os bispos, os sacerdotes, os abades…); outros son «fillos» fieis, e todos han viviren como «irmáns».
Entender así a comunidade cristiá estimula a fraternidade, pero ten os seus riscos. Na «familia cristiá» téndese a subliñar o lugar que lle corresponde a cada un. Destácase o que nos diferencia e non o que nos une; dáse moita importancia á autoridade, a orde, a unidade, a subordinación. E corremos o risco de promovermos a dependencia, o infantilismo e a irresponsabilidade de moitos.
Unha comunidade baseada na «amizade cristiá» enriquecería e transformaría hoxe a Igrexa de Xesús. A amizade promove o que nos une, non o que nos diferencia. Entre amigos cultívase a igualdade, a reciprocidade e o apoio mutuo. Ninguén está por encima de ninguén. Ningún amigo é superior a outro. Respéctanse as diferenzas, pero cóidase a proximidade e a relación.
Entre amigos é máis fácil sentirse responsábel e colaborar. E non é tan difícil estar abertos aos estraños e diferentes, os que necesitan acollida e amizade. Dunha comunidade de amigos é difícil marcharse. Dunha comunidade fría, rutineira e indiferente, a xente vaise, e os que quedan apenas senten nada.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



