BENDICIR
Segundo o suxestivo relato de Lucas, Xesús volve ao seu Pai «bendicindo» aos seus discípulos. É o seu último xesto. Xesús deixa tras de si a súa bendición. Os discípulos responden ao xesto de Xesús marchando ao templo cheos de alegría. E estaban alí «bendicindo» a Deus.
A bendición é unha práctica arraigada en case todas as culturas como o mellor desexo que podemos espertar cara a outros. O xudaísmo, o islam e o cristianismo déronlle sempre gran importancia. E, aínda que nos nosos días quedou reducida a un ritual case en desuso, non son poucos os que subliñan o seu fondo contido e a necesidade de recuperala.
Bendicir é, primeiro de nada, desexar o ben ás persoas que imos atopando no noso camiño. Querer o ben de maneira incondicional e sen reservas. Querer a saúde, o benestar, a alegría… todo o que pode axudarlles a viviren con dignidade. Canto máis desexamos o ben para todos, máis posibel é a súa manifestación.
Bendicir é aprender a vivir desde unha actitude básica de amor á vida e ás persoas. O que bendí, baleira o seu corazón doutras actitudes pouco sas como a agresividade, o medo, a hostilidade ou a indiferenza. Non é posibel bendicir e ao mesmo tempo vivir condenando, rexeitando, odiando.
Bendicir é desexarlle a alguén o ben desde o máis fondo do noso ser, aínda que non somos nós a fonte da bendición, senón só as súas testemuñas e portadores. O que bendí non fai senón evocar, desexar e pedir a presenza bondadosa do Creador, fonte de todo ben. Por iso só se pode bendicir en actitude agradecida a Deus.
A bendición fai ben ao que a recibe e ao que a practica. Quen bendí a outros se bendí a si mesmo. A bendición queda ecoando no seu interior como pregaria silenciosa que vai transformando o seu corazón, facéndoo máis bo e nobre. Ninguén pode sentirse ben consigo mesmo mentres siga maldicindo a outro no fondo do seu ser. Os seguidores de Xesús somos portadores e testemuñas da bendición de Xesús ao mundo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



