A ARTE DE VIVIRMOS DESDE O ESPÍRITO DE DEUS
Nunca os cristiáns se sentiron orfos. O baleiro deixado pola morte de Xesús foi enchido pola presenza viva do Espírito do Resucitado. Este Espírito do Señor enche a vida do crente. O Espírito da verdade que vive connosco está en nós e ensínanos a arte de vivirmos na verdade.
O que configura a vida dun verdadeiro crente non é a ansia de benestar, nin a loita polo éxito, nin sequera a obediencia a un ideal, senón a procura gozosa da verdade de Deus baixo o impulso do Espírito.
O verdadeiro crente non cae nin no legalismo nin na anarquía, senón que busca a verdade con corazón limpo. A súa vida non está programada por prohibicións, senón que vén animada e impulsada positivamente polo Espírito.
Cando se vive esta experiencia do Espírito, o crente descobre que ser cristián non é un peso que oprime e atormenta a conciencia, senón que é deixármonos guiar polo amor creador do Espírito que vive en nós e fainos vivir cunha espontaneidade que nace, non do noso egoísmo, senón do amor. Unha espontaneidade na que un renuncia aos seus intereses egoístas e confía no gozo do Espírito. Unha espontaneidade que é rexeneración, renacemento e reorientación continua cara á verdade de Deus.
Esta vida nova no Espírito non significa unicamente vida interior de piedade e oración. A verdade de Deus xera en nós un estilo de vida novo, enfrontado ao estilo de vida que brota da mentira e o egoísmo. Vivimos nunha sociedade onde á mentira se lle chama diplomacia; á explotación, negocio; á irresponsabilidade, tolerancia; á inxustiza, orde establecida; ao sexo; amor; á arbitrariedade, liberdade; á falta de respecto, sinceridade.
Dificilmente pode esta sociedade entender ou aceptar unha vida selada polo Espírito. Pero Espírito é quen defende ao crente e faille camiñar cara á verdade, liberándoo da mentira social, a farsa e a intolerancia dos nosos egoísmos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



