COMPARTIR O NOSO COS NECESITADOS
Dous eran os problemas máis angustiosos nas aldeas de Galilea: a fame e as débedas. Era o que máis facía sufrir a Xesús. Cando os seus discípulos lle pediron que lles ensinase a orar, a Xesús saíronlle desde moi dentro as dúas peticións: «Pai, dános hoxe o pan necesario»; «Pai, perdóanos as nosas débedas, pois tamén nós perdoamos aos que nos deben algo».
Que podían facer contra a fame que os destruía e contra as débedas que os levaban a perder as súas terras? Xesús vía con claridade a vontade de Deus: compartir o pouco que tiñan e perdoarse mutuamente as débedas. Só así nacería un mundo novo.
As fontes cristiás conservaron o recordo dunha comida memorábel con Xesús. Foi ao acampado e tomou parte moita xente. É difícil reconstruír o que sucedeu. O recordo que quedou foi este: entre a xente só recadaron «cinco pans e dous peixes». Pero compartiron o pouco que tiñan e, coa bendición de Xesús, puideron comer todos.
Ao comezo do relato prodúcese un diálogo moi esclarecedor. Ao ver que a xente ten fame, os discípulos propoñen a solución máis cómoda e menos comprometida; «que vaian ás aldeas e compren algo para comer»; que cada un resolva os seus problemas como poida. Xesús replícalles chamándoos á responsabilidade; «Dádelles vós de comer»; non deixedes aos famentos abandonados á súa sorte.
Non temos de esquecermos isto. Se vivimos de costas aos famentos do mundo, perdemos a nosa identidade cristiá; non somos fieis a Xesús; ás nosas comidas eucarísticas fáltalles a súa sensibilidade e o seu horizonte, fáltalles a súa compaixón. Como se transforma unha relixión, como a nosa, nun movemento máis fiel de seguidores de Xesús?
O primeiro é non perdermos a súa perspectiva fundamental: deixármonos afectar máis e máis polo sufrimento dos que non saben o que é vivir con pan e dignidade. O segundo, comprometérmonos en pequenas iniciativas, concretas, modestas, parciais, que nos ensinan a compartir e identifícannos máis co estilo de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire