SEN REVIRAVOLTAS
Non é necesario unha análise moi profunda para descubrirmos as actitudes de autodefensa, receo e evasión que adoptamos ante as persoas que poden turbar a nosa tranquilidade. Cantos rodeos para evitarmos a quen nos resulta molestos ou incómodos. Como apresuramos o paso para non deixármonos alcanzar por quen nos angustia cos seus problemas, penas e desgustos.
Diríase que vivimos en actitude de garda permanente ante quen pode ameazar a nosa felicidade. E, cando non atopamos outra maneira mellor de xustificar a nosa fuxida ante persoas que nos necesitan, sempre podemos recorrermos ao feito de que «estamos moi ocupados».
Que actualidade cobra a «parábola do samaritano» nesta sociedade de homes e mulleres que corren cada un ás súas ocupacións, axítanse tras os seus propios intereses e gritan cada un as súas propias reivindicacións.
Segundo Xesús, só hai unha maneira de «ser humano». E non é a do sacerdote ou o levita, que ven ao necesitado e «dan un rodeo» para seguir o seu camiño, senón a do samaritano, que camiña pola vida cos ollos e o corazón ben abertos para deterse ante quen poden necesitaren da súa axuda.
Cando escoitamos sinceramente as palabras de Xesús, sabemos que nos está chamando –a pasarmos da hostilidade– á hospitalidade. Sabemos que nos urxe a vivirmos doutra maneira, creando na nosa vida un espazo máis amplo para quen nos necesita. Non podemos escondernos detrás «das nosas ocupacións» nin refuxiarnos en fermosas teorías.
Quen comprendeu a fraternidade cristiá sabe que todos somos «compañeiros de viaxe» que compartimos a mesma condición de seres fráxiles que nos necesitamos uns a outros. Quen vive atento ao irmán necesitado, que atopa no seu camiño, descóbrelle un gusto novo á vida. Segundo Xesús, «herdará vida eterna».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




