DE MANEIRA MÁIS SA
«Estombállate, come, bebe e dáte á boa vida». Esta consigna do home rico da parábola evanxélica non é nova. Foi o ideal de non poucos ao longo da historia, pero hoxe vívese a gran escala e baixo unha presión social tan forte que é difícil cultivar un estilo de vida máis sobrio do que e san.
Hai tempo que a sociedade moderna institucionalizou o consumo: case todo se orienta a gozar de produtos, servizos e experiencias sempre novas. A consigna do benestar é clara: «Dáte unha boa vida». O que se nos ofrece a través da publicidade é mocidade, elegancia, seguridade, naturalidade, poder, benestar, felicidade. A vida témola de alimentar no consumo.
Outro factor decisivo na marcha da sociedade actual é a moda. Na historia dos pobos sempre houbo correntes e gustos flutuantes. O novo é o «imperio da moda», que se converteu no guía principal da sociedade moderna. Xa non son as relixións nin as ideoloxías as que orientan os comportamentos da maioría. A publicidade e a sedución da moda están a substituír á Igrexa, á familia ou á escola. É a moda a que nos ensina a vivir e a satisfacermos as «necesidades artificiais» do momento.
Outra característica que marca o estilo moderno de vida é a sedución dos sentidos e o coidado do externo. Hai que atender ao corpo, á liña, ao peso, á ximnasia e aos recoñecementos sanitarios; hai que aprender terapias e remedios novos; hai que seguir de cerca os consellos médicos e culinarios. Hai que aprender a «sentirse ben» con un mesmo e cos demais; hai que saber moverse de maneira hábil no campo do sexo: coñecer todas as formas de posíbel desfrute, gozar e acumular experiencias novas.
Sería un erro «satanizar» esta sociedade que ofrece tantas posibilidades para coidar as diversas dimensións do ser humano e para desenvolvermos unha vida integral e integradora. Pero non sería menos equivocado deixármonos arrastrar frivolamente por calquera moda ou reclamo, reducindo a existencia a puro benestar material. A parábola evanxélica convídanos a descubrir a insensatez que se pode agochar nesta formulación da vida.
Para acertar mosna vida non basta pasalo ben. O ser humano non é só un animal famento de pracer e benestar. Está feito tamén para cultivar o espírito, coñecer a amizade, experimentar o misterio do transcendente, agradecer a vida, vivir a solidariedade. É inútil queixármonos da sociedade actual. O importante é actuar de maneira intelixente.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire