O LUME DO AMOR
Dá medo pronunciar a palabra «amor». Está tan prostituída que nela cabe o mellor e o peor, o máis sublime e o máis mesquiño. Con todo, o amor está sempre na fonte de toda vida sa, espertando e facendo crecer o mellor que hai en nós.
Cando falta o amor, falta o lume que move a vida. Sen amor, a vida apágase, vexeta e termina extinguíndose. O que non ama péchase e íllase cada vez máis. Xira aloucadamente sobre os seus problemas e ocupacións, fica aprisionado nas trampas do sexo, cae na rutina do traballo diario: fáltalle o motor que move a vida.
O amor está no centro do Evanxeo, non coma unha lei que hai que cumprir disciplinadamente, senón como o «lume» que Xesús desexa ver «ardendo» sobre a Terra, máis aló da pasividade, a mediocridade ou a rutina da boa orde. Segundo o Profeta de Galilea, Deus está preto de nós buscando facer xerminar, crecer e frutificar o amor e a xustiza do Pai. Esta presenza dun Deus que non fala de vinganza, senón de amor apaixonado e de xustiza fraterna, é o máis esencial do Evanxeo.
Xesús contempla o mundo como cheo da graza e do amor do Pai. Esa forza creadora é como un pouco fermento que ha de ir fermentando a masa ou un lume aceso que ha de facer arder ao mundo enteiro. Xesús soña cunha familia humana habitada polo amor e con sede de xustiza. Unha sociedade que busca apaixonadamente unha vida máis digna e feliz para todos.
O gran pecado dos seguidores de Xesús será sempre deixar que o lume se apague: substituír o ardor do amor pola doutrina relixiosa, a orde ou o coidado do culto; reducir o cristianismo a unha abstracción revestida de ideoloxía; deixar que se perda o seu poder transformador. Con todo, Xesús non se preocupou primordialmente de organizar unha nova relixión nin de inventar unha nova liturxia, senón que alentou un «novo ser» (P. Tillich), o alumeamento dun home novo movido radicalmente polo lume do amor e a xustiza.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




