PARA INACEPTÁBEIS
Hai unha frase de Xesús que sen dúbida reflicte unha convicción e un estilo de actuarmos que sorprenderon e escandalizaron aos seus contemporáneos: «Non teñen necesidade de médico os sans, senón os enfermos… Eu non vin chamar aos xustos, senón aos pecadores». O dato é histórico: Xesús non se dirixiu aos sectores piadosos, senón aos indignos e indesexábeis.
A razón é sinxela. Xesús capta rapidamente que a súa mensaxe é superflua para os que viven seguros e satisfeitos na súa propia relixión. Os «xustos» apenas teñen sensación de estaren necesitados de «salvación». Bástalles a tranquilidade que proporciona sentírense dignos ante Deus e ante a consideración dos demais.
Dio moi graficamente Xesús: a un individuo cheo de saúde e fortaleza non se lle ocorre acudir ao médico. Para que necesitan o perdón de Deus os que, no fondo do seu ser, se senten inocentes? Como van agradecer o seu amor inmenso e a súa comprensión inesgotábel os que se senten «protexidos» ante el pola observancia escrupulosa das súas leis?
O que se sente pecador vive unha experiencia diferente. Ten conciencia clara da súa miseria. Sabe que non pode presentarse con suficiente dignidade ante ninguén; tampouco ante Deus; nin sequera ante si mesmo. Que pode facer senón esperalo todo do perdón de Deus? Onde vai atopar salvación se non é abandonándose confiadamente ao seu amor infinito?
Eu non sei quen pode chegar a ler estas liñas. Nestes momentos penso nos que vos sentides incapaces de vivirdes de acordo coas normas que impón a sociedade; os que non tedes forzas para vivirdes o ideal moral que establece a relixión; os que estades atrapados nunha vida indigna; os que non vos atrevedes a mirarlle aos ollos á vosa esposa nin aos vosos fillos; os que saídes do cárcere para volverdes de novo a ela; as que non podedes escapar da prostitución… Non o esquezades nunca: Xesús veu para vós.
Cando vos vexades xulgados pola Lei, sentídevos comprendidos por Deus; cando vos vexades rexeitados pola sociedade, sabede que Deus vos acolle; cando ninguén vos perdoe a vosa indignidade, sentide o perdón inesgotabel de Deus. Non o merecedes. Non o merecemos ninguén. Pero Deus é así: amor e perdón. Vós podédelo gozar e agradecer. Non o esquezades nunca: segundo Xesús, só saíu limpo do templo aquel publicano que golpeaba o seu peito dicindo: «Oh, Deus!, ten compaixón deste pecador».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



