A SALVACIÓN DO RICO
Son bastantes os cristiáns de posición acomodada que se senten molestos por esta «moda» que entrou na Igrexa de falar tanto dos pobres. Non entenden que o Evanxeo poida ser boa noticia só para eles. E, por tanto, só poida ser escoitado polos ricos como ameaza para os seus intereses e como interpelación da súa riqueza.
Mesmo lles parece que todo isto non é senón demagoxia barata, ideoloxización ilexítima do Evanxeo e, en definitiva, «facer política de esquerdas». Porque, imos ver: non se achegaba Xesús a todos por igual? Non acollía a pobres e a ricos co mesmo amor? Non ofreceu a todos a salvación?
Certamente, Xesús achégase a todos ofrecendo a salvación. Pero non da mesma maneira. E, en concreto, aos ricos achégase para «salvalos», primeiro de nada, das súas propias riquezas.
En Xericó, Xesús vai hospedarse á casa dun rico. O home recíbeo con alegría. É unha honra para el acoller ao Mestre de Nazaré. Ao atoparse con Xesús e escoitar a súa mensaxe, o rico vai cambiar. Descobre que o importante non é acaparar, senón compartir, e decide dar a metade dos seus bens aos pobres. Descobre que ten que facerlles xustiza aos que roubou, e comprométese a restituírlles con fartura. Só entón Xesús proclama: «Hoxe foi a salvación desta casa».
Ao rico non se lle ofrece outro camiño de salvación senón o de compartir o que posúe cos pobres que o necesitan. É o único «investimento cristianamente rendíbel» que pode facer cos seus bens.
A razón é sinxela. Non é posíbel un mundo máis fraterno se os ricos non cambian de actitude e aceptan reduciren os seus bens en beneficio dos empobrecidos polo actual sistema económico.
Este é o camiño de salvación que se lles ofrece aos ricos. «Eles só poden recibiren axuda cando recoñecen a súa propia pobreza e están dispostos a entrar na comunidade dos pobres, especialmente daqueles que eles mesmos reduciron á miseria pola violencia» (Jürgen Moltmann).
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




