RECUPERAR CAMIÑOS
É moi fácil ficar na vida «sen camiños» cara a Deus. Non fai falta ser ateo. Non é necesario rexeitar a Deus de maneira consciente. Chega con seguirmos a tendencia xeral dos nosos días e instilármonos na indiferenza relixiosa. Aos poucos, Deus desaparece do horizonte. Cada vez interesa menos. É posíbel recuperar hoxe camiños cara a Deus?
Talvez, o primeiro sexa recuperar «a humanidade da relixión». Abandonar camiños ambiguos que conducen cara a un Deus interesado e dominador, celoso só da súa gloria e o seu poder, para abrirnos a un Deus que busca e desexa, desde agora e para sempre, o mellor para nós. Deus non é o Ser Supremo que esmaga e humilla, senón o Amor Santo que atrae e dá vida. As persoas de hoxe volverán a Deus non empuxadas polo medo, senón atraídas polo seu amor.
É necesario, ao mesmo tempo, alargar o horizonte da nosa vida. Estamos a encher a nosa existencia de cousas, e estámonos a quedar baleiros por dentro. Vivimos informados de todo, pero xa non sabemos cara a onde orientar a nosa vida. Crémonos as xeracións máis intelixentes e progresistas da historia, pero non sabemos entrar no noso corazón para adorarmos ou dar as grazas. A Deus achegámonos cando nos poñemos a buscar un espazo novo para existirmos.
É importante, ademais, buscármoslle un «fundamento sólido» á vida. En que nos pode mos apoiar no medio de tanta incerteza e desconcerto? A vida é como unha casa: hai que coidar a fachada e o tellado, pero o importante é construír sobre cimento seguro. Ao final, sempre necesitamos poñer a nosa confianza última en algo ou en alguén. Non será que necesitamos a Deus?
Para recuperarmos camiños cara a El necesitamos aprender a calar. Todo o máis íntimo da existencia chéganos non cando vivimos axitados e cheos de medo, senón cando facemos silencio. Se a persoa se recolle e fica calada ante Deus, tarde ou cedo, o seu corazón comeza a abrirse.
Pódese vivir encerrado nun mesmo, sen camiños cara a nada novo e creador. Pero tamén se pode buscar novos camiños cara a Deus. A iso convídanos o Bautista.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




