ACOLLER A DEUS NUN NENO
O Nadal é moito máis do que ese ambiente superficial e manipulado que se respira eses días nas nosas rúas. Unha festa moito máis fonda e gozosa do que os dispositivos da nosa sociedade de consumo. Os crentes temos de recuperarmos de novo o corazón desta festa e descubrirmos, detrás de tanta superficialidade e atordamento, o misterio que dá orixe á nosa alegría.
Non entenderemos o Nadal se non sabemos facer silencio no noso corazón, abrirmos a nosa alma ao misterio dun Deus que se nos achega, acollermos a vida que nos ofrece e saborearmos a festa da chegada dun Deus Amigo.
No medio do noso vivir diario, ás veces tan aburrido, apagado e triste, convídasenos á alegría. «Non pode haber tristeza cando nace a vida» (S. León Magno). Non se trata dunha alegría insulsa e superficial. A alegría de quen está alegres sen saber por que. «Nós temos motivos para o xúbilo radiante, para a alegría plena e para a festa solemne: Deus fíxose home, e veu a habitar cabo de nós» (Leonardo Boff).
Hai unha alegría que só a poden gozar quen se abre á proximidade de Deus e déixanse atraer pola súa tenrura. Unha alegría que nos libera de medos e desconfianzas ante Deus. Como temer a un Deus que se nos achega como neno? Como fuxirmos ante quen se nos ofrece como un pequeno fráxil e indefenso? Deus non veu armado de poder para imporse aos homes. Achegóusenos na tenrura dun neno a quen podo facer sorrir ou chorar.
Deus non é o Ser omnipotente e poderoso que ás veces imaxinamos os humanos, encerrado na seriedade e o misterio do seu mundo inaccesíbel. Deus é este neno entregado cariñosamente á humanidade, este pequeno que busca a nosa mirada para alegrarnos co seu sorriso. O feito de que Deus se fixese neno di moito máis de como é Deus do que todas as nosas cavilacións e especulacións sobre o seu misterio.
Se soubésemos detérmonos en silencio ante este Neno e acoller desde o fondo do noso ser toda a proximidade e a tenrura de Deus, tal vez entenderiamos por que o corazón dun crente ten de estar transido dunha alegría diferente: sinxelamente porque Deus está connosco.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




