SEGUIR A XESÚS DESDE A FAMLIA
É posíbel tomarmos xuntos a decisión de seguirmos a Xesús en familia? Non é fácil. É unha decisión que hai que preparar e madurar amodo, e respectando a todos, pois trátase dunha decisión persoal de cada un. Son os pais crentes os primeiros responsábeis de crear un clima apropiado.
Desde o comezo ten de ficar claro que seguir a Xesús non é copiar un modelo reproducindo os trazos dun mestre do pasado de maneira pasiva, infantil e sen creatividade algunha. É unha aventura moito máis apaixonante. Os evanxeos nunca falan de imitarmos a Xesús, senón de seguilo. Xesús non é un espello, senón un camiño. Xesús resucitado está vivo no medio de nós, no centro da familia. Máis aínda, o seu Espírito está dentro de cada un de nós, sostendo, alentando e inspirando as nosas vidas. Temos de escoitar a súa chamada a seguilo hoxe, de maneira creativa, confiando sempre na súa forza.
«Seguir a Xesús» é unha metáfora tomada do costume que tiña de camiñar uns pasos por diante dos seus discípulos. Por iso lémbranos que o seguimento a Xesús esixe «dar pasos»: tomar unha primeira decisión, poñérmonos en camiño, deixarnos guiar polo Evanxeo, levantarnos cando caemos e volver orientarnos cando nos perdemos… Para impulsar o seguimento a Xesús con realismo creo que habemos recuperar a lectura do evanxeo en familia, primeiro entre os pais, logo, se é posíbel, cos fillos.
Os evanxeos non son libros didácticos que expoñen doutrina sobre Xesús. Non son catecismos. O primeiro que se aprende nos evanxeos é o estilo de vida de Xesús: a súa maneira de estar no mundo, a súa forma de facer a vida máis humana, o seu modo de pensar, de sentir, de amar, de sufrir.
Os evanxeos foron escritos para suscitar novos discípulos e seguidores. Son relatos que convidan a cambiar, a seguirmos de cerca a Xesús, a identificarnos coa súa causa, a colaborarmos con el abrindo camiños ao reino de Deus. Por iso han ser lidos, meditados e compartidos escoitando a súa chamada a entrar nun proceso de cambio e conversión.
Non pensemos en algo moi complicado. Trátase de ler os relatos moi amodiño, deténdonos na persoa de Xesús; fixándonos ben en que di e que fai. Logo, entre todos, podemos axudar a facernos algunhas preguntas: que verdade nos ensina ou lémbranos Xesús coa súa actuación? A que nos chama? Como nos anima e alenta coas súas palabras?
Unha familia empeza a seguir de verdade a Xesús cando comeza a introducir na casa a verdade do Evanxeo. Non habemos ter medo a poñer nome ás cousas. Temos de atrevernos a discernirmos que hai de verdade evanxélica e que hai de antievanxélico nos costumes da familia, na convivencia, nos xestos, na maneira de vivirmos. Non para botarnos as culpas uns aos outros, senón para animarnos a vivirmos ao estilo de Xesús.
José Antonio Pagola, Dejar entrar en casa a Jesús
PPC, Madrid 2018, 88-91
Tradutor: Xaquin Campo Freire




