PERDIDOS NA CRISE RELIXIOSA
Vivimos tempos de crise relixiosa. Parece que a fe vai quedando como afogada na conciencia de non poucas persoas, reprimida pola cultura moderna e polo estilo de vida do home de hoxe. Pero, ao mesmo tempo, é fácil observar que de novo esperta en non poucos a procura de sentido, o anhelo dunha vida diferente, a necesidade dun Deus Amigo.
É certo que se estendeu entre nós un escepticismo xeneralizado ante os grandes proxectos e as grandes palabras. Xa non teñen eco os discursos relixiosos que ofrecen «salvación» ou «redención». Diminuíu, ata case desaparecer, a esperanza mesma de que poida realmente oírse en algures unha Boa Noticia para a humanidade.
Ao mesmo tempo crece en non poucos a sensación de que perdemos a dirección acertada. Algo afunde baixo os nosos pés. Estamos a quedarnos sen metas nin puntos de referencia. Dámonos conta de que podemos solucionar «problemas», pero que somos cada vez menos capaces de resolver «o problema» da vida. Non estamos máis necesitados ca nunca de salvación?
Vivimos tamén tempos de «fragmentación». A vida atomizouse. Cada un vive no seu compartimento. Queda moi lonxe aquel humanismo que buscaba a verdade e o sentido de totalidade. Hoxe non escoita a quen sabe da vida, senón ao especialista que sabe moito dunha parcela, pero o ignora todo sobre o sentido da existencia.
Ao mesmo tempo, non poucas persoas comezan a sentirse mal neste mundo vertixinoso de datos, informacións e cifras. Non podemos evitar os interrogantes eternos do ser humano. De onde vimos? A onde imos? Non hai onde atopar un sentido último á vida?
Son tamén tempos de pragmatismo científico. O home moderno decidiu (non se sabe por que) que só existe o que pode comprobar a ciencia. Non hai máis. O que a ela lle escapa, sinxelamente non existe. Naturalmente, nesta formulación tan simple como pouco científica, Deus non ten cabida, e a fe relixiosa queda relegada ao mundo desfasado dos non progresistas.
Con todo, son moitos os que van tomando conciencia de que esta formulación queda moi curta, pois non responde á realidade. A vida non é un «gran mecano», nin o home só «unha peza» dun mundo que poida ser desentrañado pola ciencia. Por todas partes preséntese o misterio: no interior do ser humano, na inmensidade do cosmos, na historia da humanidade.
Por iso xorde de novo a sospeita: non serán xustamente as «cuestións» sobre as que a ciencia garda silencio as que constitúen o sentido da vida? Non será un grave erro esquecer a resposta ao misterio da existencia? Non é unha traxedia prescindir tan inxenuamente de Deus? Mentres tanto seguen aí as palabras de Xesús: «Convertédevos, porque está cerca o reino de Deus».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



