DAR SABOR Á VIDA
Unha das tarefas máis urxentes de la Igrexa de hoxe e de sempre é conseguir que a fe chegue aos homes como «boa noticia».
Con frecuencia entendemos a evanxelización como unha tarefa case exclusivamente doutrinal. Evanxelizar sería levar a doutrina de Xesús Cristo á aqueles que aínda non a coñecen ou coñécena de maneira insuficiente.
Entón preocupámonos de asegurar o ensino relixioso e a propagación da fe fronte a outras ideoloxías e correntes de opinión. Buscamos homes e mulleres ben formados, que coñezan perfectamente a mensaxe cristiá e transmítano de maneira correcta. Tratamos de mellorar as nosas técnicas e organización pastoral.
Naturalmente, todo isto é importante, pois a evanxelización implica anunciar a mensaxe de Xesús Cristo. Pero isto non é o único nin o máis decisivo. Evanxelizar non significa só anunciar verbalmente unha doutrina, senón facer presente na vida das xentes a forza humanizadora, liberadora e salvadora que se encerra no acontecemento e a persoa de Xesús Cristo.
Entendida así a evanxelización, o máis importante non é contar con medios poderosos e eficaces de propaganda relixiosa, senón saber actuar co estilo liberador de Xesús.
O decisivo non é ter homes e mulleres ben formados doutrinalmente, senón poder contar con testemuñas viventes do evanxeo. Crentes en cuxa vida se poida ver a forza humanizadora e salvadora que encerra o evanxeo cando é acollido con convicción e de maneira responsábel.
Os cristiáns confundimos moitas veces a evanxelización co desexo de que se acepte socialmente «o noso cristianismo». As palabras de Xesús chamándonos a ser «sal da terra» e «luz do mundo» obrígannos a facérmonos preguntas moi graves.
Somos os crentes unha «boa noticia» para alguén? O que se vive nas nosas comunidades cristiás, o que se observa entre os crentes, é «boa noticia» para a xente de hoxe?
Poñemos os cristiáns na actual sociedade algo que dea sabor á vida, algo que purifique, sande e libere da descomposición espiritual e do egoísmo brutal e insolidario? Vivimos algo que poida iluminar ás xentes nestes tempos de incerteza, ofrecendo unha esperanza e un horizonte novo a quen busca salvación?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




