IMPORTANCIA SOCIAL DO PERDÓN
Non é fácil escoitar a chamada de Xesús ao perdón nin sacar todas as implicacións que pode ter aceptarmos que un home é máis humano cando perdoa que cando se vinga.
Sen dúbida hai que entender ben o pensamento de Xesús. Perdoar non significa ignorar as inxustizas cometidas, nin aceptalas de maneira pasiva ou indiferente. Ao contrario, se un perdoa é precisamente para destruír, dalgunha maneira, a espiral do mal, e para axudar ao outro a rehabilitarse e actuar de maneira diferente no futuro.
Na dinámica do perdón hai un esforzo por superar o mal co ben. O perdón é un xesto que cambia cualitativamente as relacións entre as persoas e busca exporse a convivencia futura de maneira nova. Por iso o perdón non ha ser só unha esixencia individual, senón que debería ter unha tradución social.
A sociedade non debe deixar abandonado a ningún home, nin sequera ao culpábel. Toda persoa ten dereito a ser amada. Non podemos aceptar que a represión penal só «devolva mal por mal» ao encarcerado, afundíndoo no seu delito, degradando a súa existencia e impedindo a súa verdadeira rehabilitación.
O gran xurista G. Radbruch entende que o castigo como imposición do mal polo mal ten de ir desaparecendo para converterse, no posíbel, en «estímulo para saldar o mal co ben, único modo que pode exercer na terra unha xustiza que non empeora esta, senón que a transforma nun mundo mellor».
Non existe xustificación algunha para actuarmos de maneira vexatoria ou inxusta con ningún encarcerado, sexa delincuente común ou político. Nunca avanzaremos cara a unha sociedade máis humana se non abandonamos posturas de represalia, odio e vinganza.
Por iso, incitar á xente ao desquite tamén é unha equivocación. O berro de «o pobo non perdoará», por desgraza, é comprensíbel, pero non é o camiño acertado para ensinarnos a construír un futuro máis humano.
O rexeitamento do perdón é un berro que, como crentes, non podemos subscribir nunca, porque, en definitiva, é un rexeitamento da fraternidade querida por Aquel que nos perdoa a todos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




