MISTERIO DE ESPERANZA
Crer no Resucitado é resistirnos a aceptar que a nosa vida é só unha pequena paréntese entre dous inmensos baleiros. Apoiándonos en Xesús, resucitado por Deus, intuímos, desexamos e cremos que Deus está a conducir cara á súa verdadeira plenitude o anhelo de vida, de xustiza e de paz que se encerra no corazón da humanidade e na creación enteira.
Crer no Resucitado é rebelarnos con todas as nosas forzas contra o feito de que esa inmensa maioría de homes, mulleres e nenos, que só coñeceu nesta vida miseria, humillación e sufrimentos, quede esquecida para sempre.
Crer no Resucitado é confiar nunha vida na que xa non haberá pobreza nin dor, ninguén estará triste, ninguén terá que chorar. Por fin poderemos ver aos que veñen en pateras chegar á súa verdadeira patria. Crer no Resucitado é achegarnos con esperanza a tantas persoas sen saúde, enfermos crónicos, discapacitados físicos e psíquicos, persoas afundidas na depresión, cansadas de viviren e de loitar. Un día coñecerán o que é vivir con paz e saúde total. Escoitarán as palabras do Pai: «Entra para sempre no gozo do teu Señor».
Crer no Resucitado é non resignarnos a que Deus sexa para sempre un «Deus oculto» do que non poidamos coñecer a súa mirada, a súa tenrura e os seus abrazos. Atoparémolo encarnado para sempre gloriosamente en Xesús.
Crer no Resucitado é confiar en que os nosos esforzos por un mundo máis humano e ditoso non han perderse no baleiro. Un día feliz, os últimos serán os primeiros e as prostitutas precederannos no reino.
Crer no Resucitado é saber que todo o que aquí quedou a medias, ou que non puido ser, ou estragamos coa nosa torpeza ou co noso pecado, todo alcanzará en Deus a súa plenitude. Non se perderá nada do que vivimos con amor ou ao que renunciamos por amor.
Crer no Resucitado é esperar que as horas alegres e as experiencias amargas, as «pegadas» que deixamos nas persoas e nas cousas, o que construímos con amor, todo ficará transfigurado. Xa non coñeceremos a amizade que termina, a festa que se acaba nin a despedida que entristece. Deus será todo en todos.
Crer no Resucitado é crer que un día escoitaremos estas incríbeis palabras que o libro da Apocalipse pon en beizos de Deus: «Eu son a orixe e o final de todo. A quen teña sede, eu dareille gratis do manancial da auga da vida». Xa non haberá morte nin haberá pranto, non haberá berros nin fatigas, porque todo iso xa pasaría.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




