FACER DISCÍPULOS DE XESÚS
Mateu describe a despedida de Xesús trazando as liñas de forza que han orientar para sempre aos seus discípulos, os trazos que han marcar á súa Igrexa para cumprir fielmente a súa misión.
O punto de arranque é Galilea. Aí convócaos Xesús. A resurrección non os ten de levalos a esqueceren o vivido con el en Galilea. Alí escoitárono falar de Deus con parábolas conmovedoras. Alí vírono aliviando o sufrimento, ofrecendo o perdón de Deus e acollendo aos máis esquecidos. É isto precisamente o que han seguir transmitindo.
Entre os discípulos que rodean a Xesús resucitado hai «crentes» e hai quen «vacila». O narrador é realista. Os discípulos «próstranse». Sen dúbida queren crer, pero nalgúns espértase a dúbida e a indecisión. Talvez están asustados, non poden captar todo o que aquilo significa. Mateu coñece a fe fráxil das comunidades cristiás. Se non contasen con Xesús, pronto se apagaría.
Xesús «achégase» e entra en contacto con eles. El ten a forza e o poder que a eles lle falta. O Resucitado recibiu do Pai a autoridade do Fillo de Deus con «pleno poder no ceo e na terra». Se se apoian nel non vacilarán.
Xesús indícalles con toda precisión cal ha ser a súa misión. Non é propiamente «ensinar doutrina», non é só «anunciar ao Resucitado». Sen dúbida, os discípulos de Xesús terán de coidar diversos aspectos: «dar testemuño do Resucitado», «proclamar o evanxeo», «implantar comunidades»… pero todo estará finalmente orientado a un obxectivo: «facer discípulos» de Xesús.
Esta é a nosa misión: facer «seguidores» de Xesús que coñezan a súa mensaxe, sintonicen co seu proxecto, aprendan a viviren como el e reproduzan hoxe a súa presenza no mundo. Actividades tan fundamentais como o bautismo, compromiso de adhesión a Xesús, e o ensino de «todo o mandado» por el, son vías para aprenderen a ser os seus discípulos. Xesús promételles a súa presenza e axuda constante. Non estarán sos nin desamparados. Nin aínda que sexan poucos. Nin aínda que sexan só dous ou tres.
Así é a comunidade cristiá. A forza do Resucitado sostena co seu Espírito. Todo está orientado a aprender e ensinar a vivir como Xesús e desde Xesús. El segue vivo nas súas comunidades. Segue connosco e entre nós curando, perdoando, acollendo… salvando.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





