QUE FAGO EU POR UNHA IGREXA MÁIS FIEL A XESÚS?
«Onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles». A mellor maneira de facer presente a Cristo na súa Igrexa é manternos unidos actuando «no seu nome», movidos polo seu Espírito. A Igrexa non necesita tanto das nosas confesións de amor ou das nosas críticas canto do noso compromiso real. Non son poucas as preguntas que nos podemos facer.
Que fago eu por crear un clima de conversión colectiva no seo desta Igrexa, sempre necesitada de renovación e transformación? Como sería a Igrexa se todos vivisen a adhesión a Cristo máis ou menos como a vivo eu? Sería máis ou menos fiel a Xesús?
Que achego eu de espírito, verdade e autenticidade a esta Igrexa tan necesitada de radicalidade evanxélica para ofrecer un testemuño críbel de Xesús no medio dunha sociedade indiferente e descrida?
Como contribúo coa miña vida a edificar unha Igrexa máis próxima aos homes e mulleres do noso tempo, que saiba non só ensinar, predicar e exhortar, senón, sobre todo, acoller, escoitar e acompañar a quen vive perdidos, sen coñecer o amor nin a amizade?
Que achego eu para construír unha Igrexa samaritana, de corazón grande e compasivo, capaz de esquecerse dos seus propios intereses, para vivir envorcada sobre os grandes problemas da humanidade?
Que fago eu para que a Igrexa se libere de medos e servidumes que a paralizan e atan ao pasado, e se deixe penetrar e vivificar pola frescura e a creatividade que nace do evanxeo de Xesús?
Que achego eu nestes momentos para que a Igrexa aprenda a «vivir en minoría», sen grandes pretensións sociais, senón de maneira humilde, como «fermento» oculto, «sal» transformador, pequena «semente» disposta a morrer para dar vida?
Que fago eu por unha Igrexa máis alegre e esperanzada, máis libre e comprensiva, máis transparente e fraterna, máis crente e críbel, máis de Deus e menos do mundo, máis de Xesús e menos dos nosos intereses e ambicións? A Igrexa cambia cando cambiamos nós, e convértese cando nós nos convertemos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




