APOLOXÍA DO PERDÓN
Case sempre que escribín sobre o perdón recibín cartas, xeralmente anónimas, en que se me acusaba de esquecer o sufrimento das vítimas do terrorismo, de non entender a humillación de quen foi traizoado polo seu cónxuxe, de non «ter os pés sobre o chan» e cousas semellantes.
Non me resulta difícil comprender esta resistencia ao perdón. Como non vou intuír a rabia, impotencia e dor de quen foi vítima da violencia, do desprezo ou da traizón? Pero, precisamente, o resentimento e a agresividade que se advirten tras esas liñas fanme ver con maior claridade: que sería dun mundo no que se suprimise o perdón.
Hai un mecanismo de defensa ben coñecido polos psicólogos. En virtude dun «mimetismo misterioso», quen foi vítima dunha agresión tende á súa vez a imitar dalgunha maneira ao seu agresor. Trátase dunha reacción case instintiva que se desata no inconsciente individual ou colectivo e pode incluso transmitirse de xeración en xeración.
Se, nalgún momento, non se produce unha reacción de signo contrario, o mal tende a perpetuarse. Cando a vítima non quere ou non pode perdoar, queda nela unha «ferida mal curada» que lle fai dano, xa que a encadea negativamente ao pasado. Da mesma maneira, o resentimento instalado nunha sociedade fai máis difícil a lucidez para buscar camiños de convivencia, e pode bloquear todo esforzo por atopar solución aos conflitos.
O desexo de desquite é, sen dúbida, a resposta máis instintiva ante a ofensa. A persoa necesita defenderse da ferida recibida, pero, como advirte o coñecido experto Jacques Pohier, quen pretenda curar a súa ferida inflixindo sufrimento ao agresor, equivócase. O sufrimento non posúe un poder máxico para curar da humillación ou a agresión recibidas. Pode producir unha breve satisfacción, pero a persoa necesita algo máis para volver vivir de forma sa. Dicíao hai moito tempo Henri Lacordaire: «Queres ser feliz un momento? Víngate! Queres ser feliz sempre? Perdoa!»
Ás veces esquecemos que o proceso do perdón a quen máis ben lle fai é ao ofendido, xa que o libera do mal, fai crecer a súa dignidade e nobreza, dálle forzas para recrear a súa vida, permite iniciar novos proxectos. Cando Xesús convida a perdoar «ata setenta veces sete», está a convidarnos a seguirmos o camiño máis san e eficaz para erradicarmos da nosa vida o mal. As súas palabras adquiren unha fondura aínda maior para quen cree en Deus como fonte última de perdón: «Perdoade e seredes perdoados».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




