O AMOR ÉO TODO
Os xudeus chegaron a contar ata seiscentos trece mandamentos que debían ser observados para cumprir integramente a Lei. Por iso non era estraño nos círculos rabínicos facerse preguntas como a que expoñen a Xesús nun intento de buscar o esencial: que mandamento é o primeiro de todos?
Xesús responde de maneira clara e precisa: «O primeiro é: “Amarás ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo a túa ser”. O segundo é este: “Amarás ao teu próximo como a ti mesmo”. Non hai mandamento maior ca estes». Como escoitar hoxe estas palabras fundamentais de Xesús?
Hai algo que se nos revela con toda claridade: o amor éo todo. O que se nos pide na vida é amar. Aí está a clave. Poderemos logo sacar toda clase de consecuencias e derivacións, pero o esencial é vivir ante Deus e ante os demais nunha actitude de amor. Se puidésemos actuar sempre así, todo estaría salvado. Nada hai máis importante ca isto, nin sequera a práctica dunha determinada relixión.
Pero, por que o amor é a forza que dá sentido, verdade e plenitude á vida? Esta centralidade do amor arráigase, segundo a fe cristiá, nunha realidade: Deus, a orixe de toda vida, el mesmo é amor. Esa é a definición ousada e insuperábel da fe cristiá: «Deus é amor» (1 Xoán 4,8). Por dicilo dalgunha maneira, aínda que sexa deficiente, Deus consiste en amar; Deus non sabe, non quere e non pode facer outra cousa que amar. Podemos dubidar de todo, pero do que non habemos de dubidar nunca é do seu amor.
Precisamente por isto, amar a Deus é atopar o noso propio ben. O que dá verdadeira gloria a Deus non é o noso mal, senón a nosa vida e plenitude. Quen ama a Deus e se sabe amado por el con amor infinito aprende a mirarse, estimarse e coidarse con verdadeiro amor. Que forza e dinamismo xera en nós esta peculiar maneira de entendernos! Cantos medos e angustias se dilúen dentro de nós. Que diferente é a vida cando a persoa aprende a dicir: «Señor, que se faga a túa vontade, porque así se vai forxando tamén o meu ben».
Por outra banda, é entón cando se comprende na súa verdadeira profundidade o segundo mandamento: «Amarás ao teu próximo como a ti mesmo». Quen ama a Deus sabe que non pode vivir nunha actitude de indiferenza, despreocupación ou esquecemento dos demais. A única postura humana ante calquera persoa que atopemos na vida é amala.
Isto non significa que haxa de vivir da mesma forma a intimidade coa esposa, a relación co cliente ou o encontro fortuíto con alguén na rúa. O que se nos pide é actuar, en cada caso, buscando positivamente o ben que queremos para nós mesmos. Nuns tempos en que parece cuestionarse todo, é bo lembrar que hai algo incuestionábel: o home e a muller somos humanos cando se sabe vivir amando a Deus e ao seu próximo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



