O DECISIVO NON É A RELIXIÓN
A parábola do «xuízo final» é, en realidade, unha descrición grandiosa do veredicto final sobre a historia humana. Non é fácil reconstruír o relato orixinal de Xesús, pero a escena permítenos captar a «revolución» que introduciu para a orientación do mundo.
Alí están xentes de todas as razas e pobos, de todas as culturas e relixións. Vamos escoitar a última palabra que o esclarecerá todo. Dous grupos van emerxendo daquel xentío. Uns son chamados a recibiren a bendición de Deus: son os que se achegaron con compaixón aos necesitados. Outros son convidados a apartárense: viviron indiferentes ao sufrimento dos demais.
O que vai decidir a sorte final non é a relixión na que un viviu nin a fe que confesou durante a súa vida. O decisivo é vivir con compaixón axudando a quen sofre e necesita a nosa axuda. O que se fai a xentes famentas, inmigrantes indefensos, enfermos desvalidos ou encarcerados esquecidos por todos estáselle facendo ao mesmo Deus, encarnado en Xesús. A relixión máis agradábel ao Creador é a axuda ao que sofre.
Na escena evanxélica non se pronuncian grandes palabras como «xustiza», «solidariedade» ou «democracia». Sobran todas, se non hai axuda real aos que sofren. Xesús fala de comida, roupa, algo de beber, un teito para gorecerse.
Non se fala tampouco de «amor». A Xesús resúltalle unha linguaxe demasiado abstracta. Non o usou practicamente nunca. Aquí fálase de cousas tan concretas como «dar para comer», «vestir», «hospedar», «visitar», «acudir». No «atardecer da vida» hásenos examina do amor; preguntarásenos que fixemos en concreto ante as persoas que necesitaban a nosa axuda.
Este é o berro de Xesús á toda a humanidade: ocupádevos dos que sofren, coidade aos pequenos. En ningures se construirá a vida tal como a quere Deus se non é liberando ás xentes do sufrimento. Ningunha relixión será bendicida por el se non xera compaixón cara aos últimos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



