¿NON SENTIMOS A NECESIDADE DE ESPERTAR?
As primeiras xeracións cristiás viviron obsesionadas pola próxima vinda de Xesús. O Resucitado non podía tardar. Vivían tan atraídos pola súa persoa que querían atopárense con el canto antes. Os problemas comezaron cando viron que o tempo pasaba e a vinda do Señor se demoraba.
Axiña se decataron de que esta tardanza encerraba un perigo mortal. Podía apagarse o primeiro ardor. Co tempo, aquelas pequenas comunidades podían caer pouco a pouco na indiferenza e o esquecemento. Preocupáballes unha cousa: que, ao chegar, Xesús os atopase durmidos.
A vixilancia converteuse na palabra clave. Os evanxeos repítena constantemente: «vixiade», «estade alerta», «vivide espertos». Segundo Marcos, a orde de Xesús non é só para os discípulos que o están escoitando. «O que vos digo a vós dígollo a todos: ¡vixiade!» Non é unha chamada máis. A orde é para os seus seguidores de todos os tempos.
Pasaron vinte séculos de cristianismo. ¿Que foi desta orde de Xesús? ¿Como vivimos os cristiáns de hoxe? ¿Seguimos espertos? ¿Mantense viva a nosa fe ou foi apagándose na indiferenza e a mediocridade?
¿Non vemos que a Igrexa necesita un corazón novo? ¿Non sentimos a necesidade de sacudirmos a apatía e o autoengano? ¿Non imos espertar o mellor que hai na Igrexa? ¿Non imos reavivar esa fe humilde e limpa de tantos crentes sinxelos?
¿Non hemos de recuperar o rostro vivo de Xesús, que atrae, chama, interpela e esperta? ¿Como podemos seguir falando, escribindo e discutindo tanto de Cristo sen que a súa persoa nos namore e nos transforme un pouco máis? ¿Non nos decatamos de que unha Igrexa «durmida», á que Xesucristo xa non seduce nin toca o corazón, é unha Igrexa sen futuro que se irá apagando por falta de vida?
¿Non sentimos a necesidade de espertar e intensificar a nosa relación con el? ¿Quen coma el pode espertar o noso cristianismo da inmobilidade, a inercia, o peso do pasado ou a falta de creatividade? ¿Quen poderá contaxiarnos a súa alegría? ¿Quen nos dará a súa forza creadora e a súa vitalidade?
José Antonio Pagola
Tradutor: Nimrod




