É NECESARIO CRER NA TRINDADE?
É necesario crer na Trindade? Pódese? Serve para algo? Non é un construto intelectual innecesario? Cambia en algo a nosa fe se non cremos no Deus trinitario? Hai dous séculos, o soado filósofo Immanuel Kant escribía estas palabras: «Desde o punto de vista práctico, a doutrina da Trindade é perfectamente inútil».
Nada máis lonxe da realidade. A fe na Trindade cambia non só a nosa visión de Deus, senón tamén a nosa maneira de entender a vida. Confesar a Trindade de Deus é crer que Deus é un misterio de comuñón e de amor. Non un ser pechado e impenetrábel, inmóbil e indiferente. A súa intimidade misteriosa é só amor e comunicación. Consecuencia: no fondo último da realidade, dando sentido e existencia a todo, non hai senón Amor. Todo o que existe vén do Amor.
O Pai é Amor orixinario. A fonte de todo amor. El empeza o amor. «Só El empeza a amar sen motivos; é máis, é El quen desde sempre empezou a amar» (Eberhard Jüngel). O Pai ama desde sempre e para sempre, sen ser obrigado nin motivado desde fóra. É o «eterno Amante». Ama e seguirá amando sempre. Nunca nos retirará o seu amor e fidelidade. Del só brota amor. Consecuencia: creados á súa imaxe, estamos feitos para amar. Só amando acertamos na existencia.
O ser do Fillo consiste en recibir o amor do Pai. El é o «Amado eternamente», antes da creación do mundo. O Fillo é o Amor que acolle, a resposta eterna ao amor do Pai. O misterio de Deus consiste, pois, en dar e tamén en recibir amor. En Deus, deixarse amar, non é menos que amar. Recibirmos amor é tamén divino! Consecuencia: creados a imaxe dese Deus, estamos feitos non só para amar, senón para ser amados.
O Espírito Santo é a comuñón do Pai e do Fillo. El é o Amor eterno entre o Pai amante e o Fillo amado, o que revela que o amor divino non é posesión celosa do Pai nin acaparamento egoísta do Fillo. O amor verdadeiro é sempre apertura, don, comunicación desbordante. Por iso, o Amor de Deus non queda en si mesmo, senón que se comunica e esténdese ata as súas criaturas. «O amor de Deuss foi derramado nos nosos corazóns polo Espírito Santo que nos foi dado» (Romanos 5,5). Consecuencia: creados a imaxe dese Deus, estamos feitos para amarnos, sen acaparar e sen encerrármonos en amores ficticios e egoístas.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire