BURLARNOS OU INVOCARMOS?
Lucas describe con acentos tráxicos a agonía de Xesús no medio das burlas e bromas de quen o rodea. Ninguén parece entender a súa entrega. Ninguén captou o seu amor aos últimos. Ninguén viu no seu rostro a mirada compasiva de Deus ao ser humano.
Desde unha certa distancia, as «autoridades» relixiosas e o «pobo» búrlanse de Xesús facendo xestos e «acenos»: «A outros salvou; que se salve a si mesmo, se é o Mesías». Os soldados de Pilato, ao velo sedento, ofrécenlle un viño avinagrado, moi popular entre eles, mentres rin del: «Se ti es rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo». E o mesmo lle di un dos delincuentes, crucificado onda el: «Non es o Mesías? Pois sálvate a ti mesmo».
Ata tres veces repite Lucas a burla: «Sálvate a ti mesmo». Que «Mesías» pode ser este se non ten poder para salvarse? Que clase de «Rei» pode ser? Como vai salvar ao seu pobo da opresión de Roma se non pode escapar dos catro soldados que vixían a súa agonía? Como vai estar Deus da súa parte se non intervén para liberalo?
De súpeto, no medio de tanta burla, unha invocación: «Xesús, acórdate de min cando chegues ao teu reino». É o outro delincuente, que recoñece a inocencia de Xesús, confesa a súa culpa e, cheo de confianza no perdón de Deus, só pide a Xesús que se acorde del. Xesús respóndelle de inmediato: «Hoxe estarás comigo no paraíso». Agora están os dous agonizando, unidos no desamparo e na impotencia. Pero hoxe mesmo estarán os dous xuntos gozando da vida do Pai.
Que sería de nós se o Enviado de Deus buscase a súa propia salvación escapando desa cruz que o une para sempre a todos os crucificados da historia? Como poderiamos crermos nun Deus que nos deixase afundidos no noso pecado e na nosa impotencia ante a morte?
Tamén hai hoxe quen se moquea do Crucificado. Non saben o que fan. Non o farían con Martin Luther King. Están a burlarse do home máis humano que deu a historia. Cal é a postura máis digna ante ese Crucificado, ante a encarnación suprema da proximidade de Deus ao sufrimento do mundo: Burlarnos del ou invocalo?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




