SEN MATARMOS A ESPERANZA
Xesús foi un creador incansábel de esperanza. Toda a súa existencia consistiu en contaxiar aos demais a esperanza que el mesmo vivía desde o máis fondo do seu ser. Hoxe escoitamos o seu berro de alerta: «Erguédevos, alzade a cabeza; porque a vosa liberación está próxima Pero tende coidado: non se vos atorde a mente co vicio, a bebida e a preocupación do diñeiro».
As palabras de Xesús non perderon actualidade, pois tamén hoxe seguimos matando a esperanza e estragando a vida de moitas maneiras. Non pensemos nós que, á marxe de toda fe, viven segundo aquilo de «comamos e bebamos, que mañá morreremos», senón en quen, chamándonos cristiáns, podemos caer nunha actitude non moi diferente: «Comer e beber, que mañá virá o Mesías».
Cando nunha sociedade se ten como obxectivo case único da vida a satisfacción cega das apetencias e se encerra cadaquén no seu propio goce, alí morre a esperanza.
Os satisfeitos realmente non buscan nada novo. Non traballan por cambiar o mundo. Non lles interesa un futuro mellor. Non se rebelan fronte ás inxustizas, sufrimentos e absurdos do mundo presente. En realidade, este mundo é para eles «o ceo» ao que se apuntarían para sempre. Poden permitirse o luxo de non esperar nada mellor.
Que tentador resulta sempre adaptármonos á situación, instalármonos confortabelmente no noso pequeno mundo e vivirmos tranquilos, sen maiores aspiracións. Case inconscientemente aniña en nós a ilusión de podermos conseguir a propia felicidade sen cambiar para nada o mundo. Pero non o esquezamos: «Soamente aqueles que pechan os seus ollos e os seus oídos, soamente aqueles que se teñan insensibilizado, poden sentirse a gusto nun mundo coma este» (R. A. Alves).
Quen ama de verdade a vida e se sente solidario de todos os seres humanos sofre ao ver que aínda unha inmensa maioría non pode vivir de maneira digna. Este sufrimento é signo de que aínda seguimos vivos e somos conscientes de que algo vai mal. Temos de seguir buscando o reino de Deus e a súa xustiza.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




