APRENDERMOS A CONFIAR EN DEUS
Estou convencido de que a experiencia de Deus, tal como a ofrece e comunica Xesús, infunde sempre unha paz inconfundíbel no noso corazón, cheo de inquietudes, medos e inseguridades. Esta paz é case sempre o mellor signo de que escoitamos desde o fondo do noso ser a súa chamada: «Non teñades medo, non hai comparación entre vós e os pardais». Como achegármonos a ese Deus?
Talvez, o primeiro é deternos a experimentarmos a Deus só como amor. Todo o que nace del é amor. Del só nos chegan vida, paz e ben. Eu pódome apartar del e mesmo esquecer o seu amor, pero el non cambia. O cambio prodúcese só en min. El nunca deixa de amarme.
Hai algo aínda máis conmovedor. Deus ámame incondicionalmente, tal como eu son. Non teño que gañar o seu amor. Non teño que conquistar o seu corazón. Non teño que cambiar nin ser mellor para ser amado por el. Máis ben, sabendo que me ama así, podo cambiar, crecer e ser bo.
Agora podo pensar na miña vida: que me pide Deus? Que espera de min? Só que eu aprenda a amar. Non sei en que circunstancias me podo chegar atopar e que decisións terei que tomar, pero Deus só espera de min que ame ás persoas e busque o seu ben; que me ame a min mesmo e me trate ben; que ame a vida e me esforce por facela máis digna e humana para todos. Que sexa sensíbel ao amor.
Hai algo que non hei esquecer. Nunca estarei só. Todos «vivimos, movémonos e existimos» en Deus. El será sempre esa presenza comprensiva e esixente que necesito, esa man forte que me sosterá na debilidade, esa luz que me guiará polos seus camiños. El sempre me ha invitar a camiñar dicíndolle «si» á vida. Un día, cando termine a miña peregrinaxe por este mundo, coñecerei, cabo Deus, a paz e o descanso, a vida e a liberdade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire