LIBERAR DO MEDO ÁS NOSAS COMUNIDADES
As fontes cristiás presentan a Xesús dedicado a liberar á xente do medo. Sentía pena por ver as persoas aterrorizadas polo poder de Roma, intimidadas polas ameazas dos mestres da lei, distanciadas de Deus polo medo á súa ira, culpabilizadas pola súa pouca fidelidade á lei. Do seu corazón, cheo de Deus, só podía brotar un desexo: «Non teñades medo». Son palabras de Xesús que se repiten unha e outra vez nos evanxeos. As que máis se deberían repetir tamén hoxe na súa Igrexa.
O medo apodérase de nós cando no noso corazón crece a desconfianza, a inseguridade ou a falta de liberdade interior. Este medo é o problema central do ser humano, e só nos podemos liberar del arraigando a nosa vida nun Deus que só busca o noso ben.
Así o vía Xesús. Por iso dedicouse, primeiro de nada, a espertar a confianza no corazón das persoas. A súa fe profunda e sinxela era contaxiosa: se Deus coida con tanta tenrura dos gorrións do campo, os paxaros máis pequenos de Galilea, como non vai coidar de vós? Para Deus sodes máis importantes e queridos do que todos os paxaros do ceo. Un cristián da primeira xeración recolleu ben a súa mensaxe: «Descargade en Deus todo o voso abafo, que a el interésalle o voso ben».
Con que forza falaba Xesús a cada enfermo: «Ten fe. Deus non se esqueceu de ti». Con que alegría os despedía cando os podía ver curados: «Vaite en paz. Vive ben». Era o seu gran desexo. Que a xente vivise con paz, sen medos nin angustias: «Non vos xulguedes, non vos condenedes mutuamente, non vos fagades dano. Vivide de maneira amigábel».
Son moitos os medos que fan sufrir en segredo ás persoas. O medo fai dano, moito dano. Onde crece o medo pérdese de vista a Deus e afoga a bondade que hai no corazón das persoas. A vida apágase, a alegría desaparece.
Unha comunidade de seguidores de Xesús ha de ser, antes do que moitas outras cousas, un lugar onde a xente se libera dos seus medos e aprende a vivir confiando en Deus. Unha comunidade onde se respira unha paz contaxiosa e se vive unha amizade entrañábel que fan posíbel escoitar hoxe a chamada de Xesús: «Non teñades medo».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





