DISPOSTOS A SUFRIRMOS
Xesús non quería ver sufrir a ninguén. O sufrimento é malo. Xesús nunca o buscou nin para si mesmo nin para os demais. Ao contrario, toda a súa vida consistiu en loitar contra do sufrimento e do mal, que tanto dano fan ás persoas.
As fontes preséntano sempre combatendo o sufrimento que se esconde na enfermidade, nas inxustizas, na soidade, na desesperanza ou na culpabilidade. Así foi Xesús: un home dedicado a eliminar o sufrimento, suprimindo inxustizas e contaxiando forza para vivir.
Pero buscar o ben e a felicidade para todos trae moitos problemas. Xesús sabíao por experiencia. Non se pode estar cos que sofren e buscar o ben dos últimos sen provocar o rexeitamento e a hostilidade daqueles aos que non interesa cambio algún. É imposíbel estar cos crucificados e non verse un día «crucificado».
Xesús non o ocultou nunca aos seus seguidores. Empregou en varias ocasións unha metáfora inquietante que Mateu resumiu así: «O que non toma a súa cruz e me segue, non é digno de min». Non podía elixir unha linguaxe máis gráfica. Todos coñecían a imaxe terríbel do condenado que, espido e indefenso, era obrigado a levar sobre as súas costas o madeiro horizontal da cruz até o lugar da execución, onde esperaba o madeiro vertical fixado en terra.
«Levar a cruz» era parte do ritual da crucifixión. O seu obxectivo era que o condenado aparecese ante a sociedade como culpábel, un home indigno de seguir vivindo entre os seus. Todos descansarían véndoo morto.
Os discípulos trataban de entendelo. Xesús víñalles a dicir máis ou menos o seguinte: «Se me seguídes, tedes que estar dispostos a ser rexeitados. Pasaravos o mesmo do que a min. Aos ollos de moitos pareceredes culpábeis. Condenaranvos. Buscarán que non molestedes. Teredes que levar a vosa cruz. Entón parecerédesvos máis a min. Seredes dignos seguidores meus. Compartiredes a sorte dos crucificados. Con eles entraredes un día no reino de Deus».
Levar a cruz non é buscar «cruces», senón aceptar a «crucifixión» que nos chegará se seguimos os pasos de Xesús. Así de claro.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire